Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A crónica dominical: Fisterra, Soneira e Ponteceso tamén caen

Intenso derbi Baio-Volantes-Foto-Adriana
Imaxe do intenso derbi Baio-Volantes-Foto-Adriana
A crónica dominical: Fisterra, Soneira e Ponteceso tamén caen

Novo carrusel costeiro tremendamente intenso, partido en dous, pois a mañá dominical tamén foi máis que interesante. Houbo de todo, con choques directos na parte alta con resultados dispares, cambios de líder.

Precisamente de mañá xogou o Fisterra o partido, ata agora, máis importante da tempada. Foi en Cantalarrana, ante o líder, un Viveiro que se amosou moi forte e non cedeu ante o cadro fisterrán. En todo caso, os de Canosa manteñen a 2ª praza e seguen aspirando a todo.
Polo resto, o protagonista desta Preferente é o Xallas, sumando unha nova vitoria e xa o seu cuarto partido sen perder e sae xa dos postos de descenso directo. A dirección contraria leva un Sofán que suma a súa 6ª xornada sen gañar.

A Primeira

Primeira derrota do líder, o Soneira, ante un dos seus perseguidores, o Praíña. Así e todo os soneiráns manteñen 4 puntos sobre o propio Praíña e O Pino, dous dos grandes favoritos.
Había derbi na 1ª, e o Baio venceu, sufridamente ao Volantes. Tamén venceu o Dumbría e ambos están en zona noble, preto do vagón de cabeza. Outra vitoria importante foi a do Mazaricos ante un rival directo como o Tordoia.

Cambio de líder na Liga da Costa

Xornada importante na 2ª. O Ponteceso caía pola mañá ante o Muxía, que parece que colle o ritmo tras sumar a súa terceira vitoria consecutiva. Aproveitou o tropezo o Corme, que venceu (a 6ª seguida) ao Baíñas e se coloca líder en solitario, con dous sobre os veciños pontecesáns, e 3 sobre unha Esteirana que sumaba, ante o Castriz, a 5ª vitoria seguida. O San Lorenzo mantense preto, tras sufrir pero saír ben parado un partido de tolos en Malpica. OsMuros e Coristanco non se queren descolgar da zona nobre.
Por abaixo, seguen as urxencias para Zas, Buño, e tamén Cabana, que sufriu unha tremenda goleada no San Paio de Refoxos. O Cerqueda foi o único dos de abaixo que sumou unha vitoria (necesitadísima pois levana 5 derrotas consecutivas) ante un Lira que parece que botou de menos ao seu míster, que non puido acodir, por estar enfermo.

Unha clara 3ª

Camariñas e Outes perfílanse, a unha xornada do ecuador da Liga, como grandes candidatos ao ascenso directo. Sen xogar o Camariñas suma xa 12 puntos máis que o 3º, despois de que o Outes, que recurtou distancias tras vencer ao Camelle e se coloca a 2 do cadro camariñán, pero cun partido máis, saca 10 puntos ao Montelouro, agora terceiro. O Laxe volve á loita pola promoción, pero Amexeinda e Porteño (que estreou adestrador, o propio presi Manu, trala dimisión de Varela durante a semana) non acaban de engacharse.

FutFem

As nosas tiveron sorte dispar. Boas vitorias para Bergan e As MIúdas e derrota do Cee ante o poderoso líder, o Xuv. Aguiño.

A Base

Xornada dispar para os equipos de LIga Galega do Dumbría, con derrota duns Xuvenís que se manteñen en zona morna, e vitoria importante, a segunda do curso, dos Cadetes que aínda soñan con saír do descenso.

Nos Xuvenís da Costa, a cousa está apretadísima. O empate do Outes en Esteiro permite ao Soneira, que venceu ao Cabana, alzarse ao liderato. O Sofán xa está moi preto, e o Zas e o Xallas únense á pelexa, unha vez que parece que ninguén escapa.

En Cadetes había un partido importantísimo, no que o Xallas confirmou o seu liderato ao vencer ao Fisterra, que queda agora, empatado co Sofán, a 4 puntos.

En infantís o Dumbría segue domincando, e tivo que superar unha boa pedra de toque, un Outes que estaba na segunda praza. Os Miúdos, Cee, Fisterra e Xallas loitarán, xunto co cadro da Serra, pola segunda praza.

Veteranos: Derrota do líder ante o Dumbría

A xornada dos Veteranos traía un dos partidos máis importantes deste primeiro terzo de competición. O líder, Zas, chegaba imbatido ao Conco, pero o cadro dumbriés conseguía arrincarlle a primeira derrota, apretando o alto da táboa ao máximo, con 4 equipos en apenas 3 puntos. Perdeu aí ocasión o San Lorenzo de achegarse máis pero non pasou do empate ante o Soneira.

AS TÁBOAS EN WWW.FUTBOLDACOSTA.COM

Comentarios