Venres. 29.03.2024
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

De tres en tres

UD Montelouro co colexiado, baixo a chuvia
De tres en tres

Todos os equipos gustan de sumar, en cada partido, de tres en tres puntos. Para os colexiados, os partidos de a tres tamén son especiais. Nunha vida tan solitaria como acostuma ser a do árbitro de fútbol, os partidos con trío arbitral constitúen unha oportunidade para disfrutar dunha xornada cos compañeiros e de partidos que se dirixen con garantías reforzadas.

Chegan os momentos definitivos da competición e, por iso, a Subdelegación da Costa da Morte despregará esta fin de semana máis tríos arbitrais que en ningunha outra fin de semana da súa curta historia de existencia: até oito tríos arbitrais poñerá en escena o domingo para os partidos máis trascendentes.

Haberá trío arbitral costeiro nun campo de postín, O Poblado, para o partido da Preferente Galicia que enfrontará na matinal (12.00 horas) a As Pontes e Castro. Marcos Ordóñez estará auxiliado nas bandas por David Vázquez e Iván Vilanova para un encontro de extremos entre dous equipos que xa non se volverán ver o ano próximo: os locais teñen acadado xa o ascenso á Terceira División, que ninguén discute despois dunha temporada imparable (27 vitorias, 4 empates e 1 soa derrota; 17 puntos sobre os seus perseguidores, cando só quedan 18 en xogo) e que posiblemente se confirmará este domingo; pola contra, o Castro é xa virtualmente equipo de Primeira Galicia, despois dunha temporada na que só foi quen de sumar dez puntos.

Partido a priori tamén tranquilo o que dirixirá Alberto Baña no campo dos Pinares (domingo, 17.00 horas), auxiliado por Carlos Señarís e Sebastián Pérez, correspondente á xornada 30 da Primeira Galicia, grupo 1.  Os visitantes son colistas, e teñen pé e medio na Segunda Galicia, en tanto os locais atópanse no medio da táboa, aínda que precisan sumar puntos para evitar sustos por arrastres. 

Máis decisivo, pola contra, será o encontro que, á mesma hora, na mesma categoría, pero no grupo 2, dirixirá Adrián Pérez no Ara Solis, asistido nas bandas por Daniel Martínez e Lucas Vicente. O Fisterra atópase a só dous puntos do liderado (despois de dúas semanas nas que só foi quen de sumar dous empates), e quedan cinco partidos por disputarse no camiño ao ascenso á Preferente no que terá que medirse con Sigüeiro e Flavia. Os visitantes do Val do Ulla, pola súa banda, están tan só tres puntos por riba do descenso directo (á espera tamén dos posibles arrastres), polo que precisan os puntos para sobrevivir.

E, por suposto, haberá trío arbitral costeiro no que pode ser o partido decisivo da Liga da Costa. No Pino do Val (domingo, 17.00 horas) mídense Mazaricos e Corme. Despois do pinchazo no Cairo da semana pasada, os da vila do Roncudo chegan sen marxe de erro. A vitoria local daríalle título e ascenso ao Mazaricos, a vitoria visitante deixaría todo nunha marxe de dous puntos (e co Mazaricos rendendo visita a próxima semana ao difícil campo do Pinguel). 

Tamén na Liga da Costa, pola parte baixa da táboa, pode consumarse (ou non) o segundo descenso da temporada. Será nun horario pouco habitual (Xaviña, 12.00 horas, Diego Cedeira) onde se xogará todo a unha carta. A vitoria do Buño enviaría ao Monte Louro a Terceira Galicia sen máis remedio. A vitoria visitante, pola contra, poñeríaos a tres puntos dos oleiros, co gol average a favor, e con varios duelos directos entre estes dous equipos e o Cee (o outro grande implicado na pelexa pola salvación) para as dúas xornadas que restarían.

E, claro está, o outro foco da xornada será o partido de volta das eliminatorias de ascenso á Segunda da Costa. 

O Castriz recibe (domingo, 17.00 horas, San Pedro, David Castreje, Luis Insua e Fabián Rey) ao Camariñas cunha vantaxe notable da ida, tras vencer 1-3 no Hermanas Patiño. Máis igualada quedou a outra eliminatoria, onde a vitoria pola mínima do Outes (2-1) fronte ao Porteño asegura un intenso partido de volta para este domingo (A Grixa, 18.00 horas, Óscar Santos, Manuel Espasandín e Iván Ferreiro). 

E moito, moito máis

Pero hai moitos máis partidos trepidantes previstos para esta fin de semana. No fútbol veterano comeza a Copa da Costa, e tamén se desenvolverá a primeira eliminatoria da fase de ascenso á División de Honra. Son eliminatorias a partido único, polo que a emoción está asegurada. No Cairo, Corme-Leiloio (domingo, 11.30 horas, Adrián Pérez); en Pedra Queimada, Malpica-Sofán (domingo, 10.30 horas, Óscar Rey). Os gañadores destes partidos enfrontaranse, novamente a partido único, na disputa pola terceira praza de ascenso (que se suma ás que obtiveron na liga regular Mazaricos e Razo).

No fútbol xuvenil, o partido da xornada será no Ara Solis (sábado, 16.00 horas, Manuel Espasandín), no partido que enfrontará a cuarto contra segundo, ou o que é o mesmo, Fisterra e Corme, dous dos mellores equipos da categoría nos últimos anos. 

E haberá xornada tamén no fútbol 8 e na categoría infantil (non así na cadete, xa rematada a liga regular).  Todas as designacións, categoría a categoría, como cada semana, en www.futgal.es.

Ademais, saben que todas as competicións ligueiras, e o carrusel dominical, está sempre en www.futboldacosta.com; e que as competicións en formato Copa (Copas da Costa e Fases de Ascenso) están en www.copadacosta.com.

Comentarios