Venres. 26.04.2024
El tiempo

Os equipos da 3ª da Costa amosan a súa disconformidade con ter que disputar a xornada

Imaxe aerea dun partido no Campo Rogelio Cabo da Area
Imaxe aérea dun partido no Campo Rogelio Cabo da Area
Os equipos da 3ª da Costa amosan a súa disconformidade con ter que disputar a xornada

Esta pasada fin de semana retomouse a competición das ligas federadas do fútbol galego, e costeiro, a pesar do pico de contaxios que sofre o país, e a comarca. De feito, 26 dos 58 partidos do Fútbol da Costa (dende Preferente a Benxamíns) tiveron que ser suspendidos por positivos nos clubs costeiros, un 44%. Unha cifra que se extrapolamos a nivel galego, dá un resultado semellante, pois de 301 partidos que se deberían ter xogado entre a 3ª RFEF e as 3 Ligas Galegas Base), 113 tiveron que ser suspendidos. Máis dun terzo tiveron que ser adiados en toda Galicia.

Boa parte do fútbol galego considera que son circunstancias inevitables, pero aquí na comarca, os clubs da 3ª Galicia pensaron que si se podería ter tomado algunha decisión diferente. De feito, a semana pasada, 9 dos 10 clubs (todos excepto o Xallas B) da categoría enviaban unha carta o pasado martes 4 de xaneiro antes das 18:00h á Real Federación Galega de Fútbol na que solicitaban o retraso da competición ata o vindeiro 23 de xaneiro, cando se espera que a curva de contaxios comece a decaer e “puidésemos disputar os partidos do xeito máis seguro posible, sen poñernos en risco nin a nós, nin ás nosas familias nin aos afeccionados que puidesen acudir a ver os partidos”, sinalan os clubs no comunicado.

”Obviar o feito de que 9 dos 10 equipos que conformamos a competición decidamos que non queremos xogar a fin de semana sexa motivo suficiente para parar a competición, coa situación sanitaria actual, parécenos unha irresponsabilidade maior por parte da Futgal, organización que entendemos debe estar ao noso servizo para axudarnos e preocuparse da nosa integridade e non na nosa contra. Esta semana estivemos máis preocupados de temas alleos á competición que á competición en si, o cal entendemos ilóxico nunha liga de fútbol afeccionado, denuncian hoxe dende o UD Corcubión, noutro comunicado que presentou o domingo no rexistro do ente federativo.

”O máis importante para, supoño, todos nós, é non ter resposta escrita algunha”, lamenta Carlos Lema, presidente do club corcubionés ante a falta de resposta do ente federativo.
Nesa liña tamén se manifesta Fernando, directivo do Ameixenda, que agradece a boa disposición tanto de Silvia Cancela como de Manolo Corredoira, pero que consider que “se mandamos unha petición de forma oficial, non estaría de máis de parte da Federación unha resposta tamén oficial”. “Que eses quince días de demora non foran a arreglar o problema? Probablemente, pero axudarían a ver con máis claridade como evolucionan os casos en cada equipo, tendo en conta ademais que os tests non son obligatorios se se ten o certificado covid. Seguramente desde a Federación tratan de facelo o mellor posible, sen dúbida, pero a fin de contas son os xogadores, adestradores e delegados os que se meten en vestiarios moitas veces non moi grandes nin acondicionados como nos gustaría”, apunta Fernando.

Para algúns como Kali, adestrador do Laxe, “é unha irresponsabilidade da Federación non escoitar á maioría dos equipos da 3ª”, para outros como Roski, adestrador do Baíñas, “é moi difícil estar na situación de tomar decisións, e eu creo que se está mellor nun campo de fútbol que polos bares, e iso que tiven un bar 25 anos, e tamén me gusta ir aos bares”.

Protocolos

Os clubs queren manifestar tamén as súas discrepancias cos protocolos, deixando patente que para as directivas amateurs é imposible recoller todos os datos esixidos en canto aos positivos: nome completo, DNI, onde se detectou o positivo, por quen, si a persoa ten síntomas, contactos directos… “Información a cal entendemos que son datos sensibles de cada persoa e que non estamos nós, simples directivos de equipos de fútbol afeccionado, en disposición de tratar”. Dende o Corcubión cren que esa petición de datos vulnera a Lei de Protección de Datos.

Para os clubs, os datos deberían ser trasladados polo propio SERGAS, unha vez que na meirande parte dos seus controis non atoparon positivos, pois xa foran detectados polo propio Sergas.

Deuse mesmo a circunstancia de que o Castrelo comunicaba o sábado un positivo e un en cuarentena por contacto directo tras ter participado no adestramento do venres, pero os protocolos non esixiron nin corentenas nin aprazamentos.

En calquera caso, dende os clubs consideran que “aínda non é tarde para rectificar e que estamos a tempo de reconducir a situación e tendemos a man á Futgal para que organice unha reunión cos equipos implicados para tratar a situación cara a cara”.

Novas relacionadas

Comentarios