COVID: As cifras, inauditas, modifican a fisionomía da curva
- A taxa de infectados é actualmente de arredor do 25%, unha cifra só rexistrada durante o primeiro mes de pandemia.
- En apenas unha semana multiplicouse por 1,5 o número de casos en toda a comarca, pasando de 1038 a 2527 nos últimos 7 días.
- A Laracha, por exemplo, achégase aos 4.000 novos casos detectados nos últimos 14 días por cada 100.000 habitantes.

Facemos o primeiro balance de 2022 rexistrando unhas cifras de contaxios nunca vistas na Costa da Morte. Nunha semana na que a curva segue subindo, xa que despois da subida producida a semana pasada polas ceas e comidas do Nadal, agora estamos rexistrando os casos acaecidos na noite de fin de ano.
E semella que a cousa non caerá de contado, pois aínda temos por diante un completo Día de Reis, con Cabalgatas incluídas.
As cifras de contaxios son as máis altas de toda a pandemia, e a escalada segue a ser case vertical. En apenas unha semana multiplicouse por 1,5 o número de casos en toda a comarca, pasando de 1038 a 2527 nos últimos 7 días.
Boa parte da culpa a ten o aumento da taxa de infectados por test realizados, que actualmente é de arredor do 25%, unha cifra só rexistrada durante o primeiro mes de pandemia, cando apenas se realizaban probas.
Taxa de incidencia desfasada
As cifras de incidencia perden o sentido cos datos actuais. A Laracha, por exemplo, achégase aos 4.000 novos casos detectados nos últimos 14 días por cada 100.000 habitantes, ou Muros ronda os 3.000, cando as cifras da OMS pon o foco nas zonas que superan os 250.
A nivel comarcal a Costa da Morte supera os 1.900 casos por cada 100.000 habitantes.
No Hospital Virxe da Xunqueira hai 3 hospitalizados por COVID, unha cifra que non se alcanzaba dende hai meses, tendo en conta que no centro ceense non hai UCI.
NOVAS RELACIONADAS
- 28-12-2021: COVID: A Costa da Morte sitúase nos datos da 3ª onda, hai xusto un ano.
- 27-12-12: Cee, Mazaricos, Carballo e A Laracha suspenden parte do programa de Nadal.
- 22-12-2021: COVID: A comarca de Soneira duplica a incidencia nunha semana.
- 17-12-21: COVID: O certificado volve ser obritagorio para entrar en establecimentos dende este sábado.
- 14-12-21: COVID: Nova subida de case o 50% na última semana.