A Esteirana, tamén é novo equipo da 2ª Div. FEM

Tralo ascenso acadado polo Muxía a semana pasada como unha das dúas mellores segundas dos grupos da 3ª División, o Fútbol da Costa ten hoxe outra boa nova: A Esteirana tamén é novo equipo da 2ª División, e acompañará ás Corviñas, así como ao Dumbría e ao Cee (lembran que o Xallas ascendeu a 1ª).
A Federación trasladoulle hoxe ao cadro esteirán que todos os equipos 2º clasificados dos grupos da 3ª conseguen o ascenso por dereito. Unha grandísima nova, pois se ben a circular oficial de comezo de campaña xa indicaba que ía haber 8 ascensos pero que podería chegar ata 11, en función da organización das categorías do curso que vén. Unha definición que permite que o cadro blaugrana ascenda no seu primeiro ano en competición, tras unha temporada espectacular nese Gr.4, con 164 goles a favor e só 31 en contra, e contando coa pichichi da Costa e dúas das 3 máximas goleadoras da categoría: Rut e Bárbara.
”É unha magnífica recompensa para o traballo de todo un ano duro, que comezamos creando dende 0. E colleitar o sementado só nun ano, para unha persoa coma min que leva 9 anos no futfem, é unha felicidade”, recoñece o adestrador Fran Figueroa, que conta como esta mañá ferve o grupo de whastapp do equipo, con compañeiras mesmo chorando. “A única pena non poder telo triunfado no campo tralo partidazo e vitoria ao Célticas este pasado domingo, pero aínda así o gozaremos na festa que temos preparada para este sábado”, e tamén na Gala de QPC!.