Venres. 26.04.2024
El tiempo

Fisterra e Baio xóganse media tempada un mércores de noite

O Platas Reinooso de noite
Así é o Platas Reinoso de noite
Fisterra e Baio xóganse media tempada un mércores de noite

As vicisitudes desta tempada marcada pola pandemia fan que dous dos choques máis importantes do ano se xoguen un mércores pola noite. Fisterra e Baio xóganse boa parte das súas opcións de meterse nas fases de ascenso nuns campos non adaptados ao xogo nocturno, no medio da semana, e ademais co dramático Madrid-PSG ademais competindo no primetime televisivo.

En calquera caso, esperan que as afeccións poidan botar o seu máximo apoio para non estar sós en Ara Solis e no Platas Reinoso.

Con só dúas xornadas por diante para acabar a liga regular da Preferente, o Fisterra (6º) recibe ao Pino (5º), que chega cun puntiño máis (e unha vitoria na ida) que os fisterráns no partido aprazado da xornada 15. Os puntos estarán caros para colarse entre os 5 primeiros, pero o Pino ten un calendario moito máis complicado que os fisterráns, pois terán que enfrontarse aos dous primeiros clasificados, mentres que os de Juan Porrúa reciben a un Boimorto sen nada en xogo este domingo e visitan ao pechacancelas na última xornada.
Ten Porrúa ten a mesma convocatoria que competiu o pasado domingo en Sigüeiro coas únicas baixas de Cea, Andrés, Iván Bouzón e Ezequiel. Despois do adestramento de onte podo dicir que o equipo esta totalmente enchufado e sabemos o que nos xogamos e imos ir a por todas.... non nos queda outra💪💪💪💪”.

Paralelamente, tamén Paiosaco xoga contra o pechacancelas Estudiantil á mesma hora na Porta Santa un partido adiado, que lle debería servir para superar mesmo ao Dubra e escapar polo menos dun dos dous equipos que se enfrontan na fin da terra.

Mentres, no Platas Reinoso disputarase un descolorido Baio-Corme (da xornada 15), que vén se puido xogar o pasado martes de Entroido. Os baieses, trala remontada do pasado domingo e con só unha xornada por disputar poden certificar o seu pase á fase de ascenso se vencen ao cadro cormelán, deixando que Mazaricos e Tordoia se pelexen pola terceira praza o domingo (chegarán igualados a puntos e a golaveraxe individual e case que tamén a goles).
Pablo Torreira ten a baixa segura de Yago, porque está en Madrid e dúbidas ata última hora de varios por molestias (Paco, Norberto e Ceide), pola sobrecarga de partidos e algún golpe.

Outro cantar acontece en Corme. Ás 9 baixas que tiveron Lelo e Ángel en Mazaricos, sumaranse as de Samu, Pandi, Jesús, Illote e o propio Lelo. Con 7 fichas sénior e o resto de xuvenís competirán ao máximo.

Comentarios