O San Román levou o Trofeo de Peñas da Laracha
O San Román Veteranos proclamouse campión da 37ª edición do Campionato de Peñas de Fútbol “Concello da Laracha” despois de derrotar na final a Canteras El Pozo, da parroquia de Soandres, na quenda dos penaltis. O encontro disputouse o sábado no campo Municipal da Laracha.
O partido destacou por ser en todo momento moi disputado pero, ao mesmo tempo, pola deportividade e bo ambiente xerado polos dos equipos.
Desde o primeiro momento San Román Veteranos levou o peso da posesión, mostrando os seus xogadores excelentes capacidades técnicas na distribución do balón. Pero Canteras El Pozo foi quen de formar un bloque defensivo moi compacto e xerar boas ocasións ao contraataque. Nunha delas Freire adiantou ao conxunto de Soandres, aínda que Tonecho empataría de falta directa minutos despois para os de Cabovilaño. Ambos goles chegaron na primeira metade.
A segunda parte foi máis igualada, acusando os dous equipos tanto o esforzo físico como a ausencia de varios xogadores por compromisos persoais.
Ao final o campión decidiuse na quenda de penaltis, sendo preciso chegar ata o sétimo lanzamento para romper a igualada. San Román logrou anotar 6 o Canteras El Pozo marcou 5.
SAN ROMÁN VETERANOS* - CANTERAS EL POZO
(1-1)
-
SAN ROMÁN VETERANOS: Añón; Carlos Varela, Alberto, Martín, Morientes; Tonecho, Diego, Víctor, Brais; Jos e Santi. Tamén xogaron: Sebastián, Montero, Mario, Bechi, Baña e Carlos. Adestrador: Manolo.
- CANTERAS EL POZO: Alex; Marcos, Rubén, Charry, Rodri; Costoya, Freire, Borja, Odón; Pozas e Christian. Tamén xogaron: Igor, Sergio, Alberto, Jesús, José, Miguel, Yago, César, Diego, Pablo Trigo, Félix, Gonzalo e Boby. Adestrador: Jorge
- Goles: 0-1 (Freire), 1-1 (Tonecho).
- Gañador o San Román na quenda de penaltis (6-5)