A Pipa: Arrinca a esperada Copa da Costa
Este Domingo de Entroido arrinca a Copa e descansa a Liga. Mellor dito, arrinca a competición copeira no aspecto deportivo, pois a Copa iniciouse o pasado sábado co sorteo realizado no marco incomparable do Castelo de Vimianzo, e cunha posta en escena ao nivel do que se merece unha competición como esta.
Catro encontros, de fase previa, abren o camiño, que descansará ata o final de Liga, no mes de maio, arrincando cos dezaseisavos de final. En Corcubión, o once local mídese a un dos históricos da Costa, o CD Baio. Debuta As Baleas no torneo, e faio medíndose, nin máis nin menos, que ao Dumbría. No Pindo do Val, o Mazaricos recibe a un Lira capaz do mellor e do peor, mentres que en Verdillo, outro partido de altura, coa visita de todo un Soneira ao San Lorenzo. Entre eles, os aprazados ata a data, todos en 3ª Autonómica, para poñer ao día as competicións.
Polo que concierne ás competicións de Liga, están entrando na súa fase fundamental, pois restan cada vez menos xornadas para que todo se termine de decidir, e a verdade é que a igualdade, tanto por arriba como por abaixo, prometen grandes emocións de aquí ao final do torneo.
Preferente
En Preferente, parece que o Sofán, da man de Iván Cancela, practicamente se asegura unha campaña máis a categoría, tras unha tempada, ata o momento, moi regular e en ton ascendente. A súa oitava praza, con 41 puntos, parecen vaticinar un final de tempada plácido para os rojillos.
Pola contra, o Xallas non termina de afianzar a categoría, aínda que o descenso parece liquidado, con doce puntos por encima do mesmo, os posibles arrastres de Terceira División, que parece van existir, pois o descenso do Fabril levará ao Laracha a Preferente, e nestes instantes, en Terceira, ademais do Laracha, están en zona de descenso o Paiosaco, directo, e o Boiro, en arrastres, co que de Preferente caerían Ordenes, Negreira e, agora mesmo, o Xallas.
1ª Autonómica
Si por arriba o Fisterra e o Baio seguen ao seu, gañando e puxando polo pódium da competición, por abaixo a Esteirana está vendo a luz, pero coa vista moi pendente da Preferente, pois aínda que está fóra do descenso directo, con dous puntos por encima do Chaián, agora que lle chega o Tourmalet, en términos ciclistas, os descensos en Preferente levarían a Primeira a Negreira, Xallas e Estudiantil, pero aínda resta competición suficiente para pensar en positivo, nunca en negativo.
O Fisterra mantén a loita pechada polo título de Liga ou, polo menos, a promoción de ascenso, ante Sigüeiro, líder con 55 puntos, e Flavia, terceiro, con 52. Os verdes contan con 53 e seguro que derramarán ata o última pinga de suor por alcanzar ese preciar galardón do título e ascenso.
O Baio case ten moi asegurado o cuarto posto, pois está a oito puntos do terceiro, Flavia, e seis por encima do quinto, Escravitude, co que, si non baixan o listón e seguen traballando como ata agora estano facendo, esa cuarta praza sería un merecido premio a unha campaña plácida e de bo nivel dos branquiazuis.
Como o Baio, o Dumbría mantense na zona media-alta da clasificación, na sexta praza da mesma, a un punto do quinto e moi afastado do cuarto. A zona baixa cada vez téñena menos no horizonte. Os pupilos de Julián van de menos a máis, e o frouzo comezo de Liga é o que lles penaliza nesta loita polo pódium da táboa.
Non pode descoidarse o Soneira, que non termina de afianzarse en canto a resultados positivos, aínda que a zona de descenso automático tena a seis puntos, os posibles arrastres están a tres , pois si prodúcense todos eles, que esperamos que non sexa así, sepáranlle eses guarismos do Val do Ulla, co que os pupilos de Pedro Gómez non poden baixar a garda nin un segundo.
2ª Galicia
Na Liga da Costa de 2ª Autonómica, todo segue aberto, pois por arriba a vantaxe do Mazaricos con respecto ao segundo clasificado, Corme, é de tres puntos, é dicir, a golpe dun partido, cando restan oito xornadas para a conclusión o campionato, e cun Volantes que, paso a paso, quere unirse á festa, con seis encontros consecutivos gañando, e xa é terceiro, a sete puntos dos dous primeiros.
Quen parecen ter dito adeus ás súas posibilidades, pese a estar realizando unha excelente tempada, son o Ponteceso, con esa derrota no derbi ante o Corme por 0-2, e o Muxía, superado en Muros polo once local, que lles deixa moi lonxe da zona de privilexio.
Na zona tranquila atópanse Baiñas, Cerqueda, San Lorenzo e pódeselles unir o Malpica. Todos eles, si non se descoidan nesta xornadas, en especial os pupilos de Gurita, non deben de ter ningún problema para ver cumprido o seu obxectivo de estar presentes, un ano máis, na Luga da Costa.
A partir da décima praza comezan os temores, pois aínda que a distancia de Sporting Zas, Muros e Buño, con respecto ao descenso directo ou descenso por arrastres, é de sete puntos, ningún deles pode estar tranquilo e deben manter a tensión de aquí ao final da competición. A eles pode unírselles un Lira que deu un importante paso co seu triunfo ante o Cee, que lle coloca cinco puntos por encima dos unionistas e Monte Louro.
Nas prazas de decenso directo, un Ameixenda que parece sentenciado, aínda que mentres hai vida hai esperanza, pero os once puntos parecen unha desventaja case insalvable. Monte Louro e Cee ocupan a zona de descenso directo, os primeiros, e posible arrastre, o segundo. Oito xornadas réstanlles para alcanzar o seu obxectivo. Vinte e catro puntos en xogo, e non poden fallar, nin uns nin outros. Apaixonante, sen dúbida.
3ª Galicia
En 3ª, o Coristanco está contando os días para o seu retorno á Liga da Costa. Os catro puntos de vantaxe sobre o Cabana, cun partido menos disputado, e os sete sobre o Castriz, fanlle pensar que máis cedo que tarde o ascenso será unha realidade. E podería ser este fin de semana si non se suspendera o choque ante o Castriz, por mor do falecemento do pai do xogador coristanqués Lagoa, ao que envío un forte abrazo, pois un punto virtualmente colócalle en 2ª e, de gañar, sería novo equipo da Liga da Costa para a tempada próxima.
O Cabana segue ao seu e, paso a paso, mantén eses tres puntos de vantaxe sobre o Castriz con catro xornadas por diante para o final da competición, máis o golaverage particular ao seu favor, o que fai que teña máis preto ese ansiado ascenso a Segunda.
Para a promoción, ademais do que non logre o ascenso directo, o Porteño virtualmente asegúrase, novamente, a súa praza no mesmo, pois os once puntos de vantaxe sobre o Castrelo así o confirman.
Para os outros dous postos, Outes e Camariñas son os mellor situados, co Castrelo moi preto deles, pero coa desvantaxe de que aínda debe descansar, restándolle tres partidos, por catro dos da Serra e dos da Terra dos Encaixes quen, por certo, perderon no derbi dos derbis desta tempada ante o debutante As Baleas, por 3-2. Nantón e Laxe teñen complicado chegar á promoción, aínda que non poden baixar os brazos, pois o Nantón está a tres puntos do Camariñas e o Laxe a catro, polo que aínda teñen as súas posibilidades cando restan catro xornadas para a conclusión do torneo.
Os demais, Camelle, Seaia, Corcubión e As Baleas, queren concluír do mellor xeito a súa participación na Liga e, sobre todo, non ostentar o “farolillo vermello” ao final da mesma, onde un punto separa a Corcubión e As Baleas.
En definitiva, apaixonantes xornadas as que nos restan ata o 5 de maio, data final da competición nas Ligas da Costa.