A problemática cos usos dos Campos de Fútbol Municipais entre clubs, versión Laracha
17:27 04/10/21
Son moitos os concellos que teñen certas vicisitudes co uso dos campos municipais. Hai pouco saían á luz os eternos problemas no Campo de Xaviña, onde os clubs locais, Buño e Cerqueda levan tendo suspicacias dende fai tempo pola falta de mediación dos diferentes gobernos municipais que decidiron pasar por alto unha situación ingobernable.
Unha situación semellante acontece nas instalacións do campo de fútbol Municipal da Laracha, sobre as que o club Laracha CF vén de enviar un escrito ao Concello.
O Concello, atallando a situación, vén de enviar un comunicado rotundo:
- 1.- O campo de fútbol Municipal da Laracha é de titularidade do Concello. Aínda que se sitúa na capital municipal, teñen o mesmo dereito de uso desas instalacións para desenvolver os adestramentos e xogar os partidos oficiais e amigables todos os clubs de fútbol federados do termo municipal, con independencia da parroquia na que se atope a súa sede social. Tamén neste campo se xogan partidos de peñas de fútbol do municipio.
- 2.- O uso do campo de fútbol Municipal da Laracha é completamente gratuíto para os clubs e peñas, facéndose cargo o Concello do mantemento, limpeza e subministros de auga e electricidade de todo o complexo deportivo.
- 3.- O Laracha C.F. tamén se beneficia desde hai anos da cesión gratuíta e en exclusiva dun local municipal situado no interior desas propias instalacións deportivas e que constitúe a sede social da entidade.
- 4.- A cesión gratuíta das instalacións tanto para a práctica deportiva como para a actividade social é só unha parte da cooperación do Concello cos clubs deportivos. Recentemente vense de aprobar a concesión das subvencións municipais ás entidades que, para o caso do Laracha C.F., a contía neste ano ascende a 20.000 euros que serán transferidos directamente ao club desde o Concello.
- 5.- O Concello pon o campo Municipal da Laracha a disposición dos clubs federados para o desenvolvemento dos adestramentos de luns a venres en horario de 16:00 a 23:00 horas. No caso de existir unha única solicitude a unha hora determinada, autorízase o uso completo do campo. Se existen dúas solicitudes na mesma franxa horaria, autorízanse ambas limitando ao uso de medio campo para cada club. Así se procede desde hai anos, sen que nunca existisen inconvenientes entre directivas, corpos técnicos ou xogadores, nin no campo Municipal da Laracha nin tampouco no campo municipal A Porta Santa de Paiosaco, onde durante varias temporadas adestrou o Club do Mar de Caión compartindo instalacións coa U.D. Paiosaco.
- 6.- Das 35 horas semanais dispoñibles para os adestramentos, o Laracha C.F. ten concedidas 19 horas e o Club do Mar de Caión 4,5 horas. No caso de que o Laracha C.F. queira evitar que as súas categorías de base compartan campo co Club do Mar (circunstancia que se produce durante 15 minutos os martes e os venres), o Concello pon á disposición do club as outras 30,5 horas semanais existentes para reaxustar os seus horarios de adestramento. En caso contrario, e seguindo o procedemento habitual, o Concello autorizará o uso de medio campo a cada un dos clubs.
- 7.- O Concello cumpre estritamente con todas as medidas de prevención de contaxios de coronavirus establecidas no protocolo da Real Federación Galega de Fútbol adecuado ao protocolo Fisicovid- DXTGalego.
- 8.- O grupo de goberno do Concello da Laracha considera sorprendentes e inaceptables as acusacións realizadas pola directiva do Laracha C.F., tanto por pretender ter uso exclusivo ou prioridade na elección das horas de emprego dunha instalación de titularidade pública, como por dubidar do apoio do Concello ás escolas deportivas.