Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Silvia Cancela: "Este ano volverá a Copa da Costa masculina e feminina"

Silvia Cancela
Silvia Cancela
Silvia Cancela: "Este ano volverá a Copa da Costa masculina e feminina"

Despois dunha pausa máis longa do que tod@s desexábamos no fútbol da costa, esta última fin de semana volveu a traer previas e carruseis cheos de partidos e emoción. Unha volta que é posible grazas ao gran traballo das directivas e aos ánimos de xogadores e adestradores, pero sobre todo, grazas ao empeño dunha federación que leva máis dun ano traballando por un retorno completo que non se dou ata este domingo. Día no que seguro que Silvia Cancela (Santa Comba), a primeira muller na directiva da Federación Galega de Fútbol da nosa bisbarra, respirou tranquila e feliz...

Por fin volvemos a ter o fútbol ao completo!

Estou moi contenta e moi orgullosa. Porque volve o noso fútbol e pola maneira que responderon tódalas directivas, inscribíndose o 100% dos clubs que tiñamos antes da pandemia e chegando incluso algúns novos. É certo que confiábamos nese apoio, pero éramos conscientes en que ía ser moi difícil polo momento económico, xa que os clubs da Costa da Morte dependen das pequenas empresas. Sabíamos que as gañas estaban aí, pero non sabíamos se ía ser posible que se inscribisen todos.

Non só volveu na nosa Costa da Morte, senón en toda Galicia. Pero da a sensación que é onde máis xente involucrada e alegre hai... Perciben iso tamén dende dentro da Federación?

Claro, de feito o presidente destacao sempre cada vez que ten oportunidade, porque lle enganchou moitísimo como se vive o fútbol aquí. Proba diso é que a primeira reunión presencial que houbo logo da Covid foi na sede de Baio. Ademais eu aos compañeiros sempre lles invito a vir á ver a Copa da Costa, porque penso que é algo que non ten igual a nivel amateur.

Silvia Cancela nunha reunión da Futgal

Aproveito, volverá tamén a Copa da Costa este ano?

Si, tanto en versión masculina como feminina, porque ademais contamos con máis clubs.  Mentiríache se digo que xa temos datas, pero contamos coas datas normais, porque o formato masculino xa está feito e ao feminino lle daremos unha volta polos novos equipos. Ademais, se algo nos ensinou a pandemia é ir día a día porque todo depende de como evolucione a situación.

Unha situación que por sorte vai cada vez mellor, seguides a traballar en que se alixeire aínda un pouco máis o protocolo vendo o índice de vacinación?

Si, o presidente leva traballando niso dende o día un e temos unha persoa que está en contacto permanente coa secretaría xeral. Nós retrasamos o inicio das competicións para aliviar os clubs da carga económica dos test, porque entendemos que co certificado de vacinación e sendo un deporte ao aire libre xa non son necesarios. Agora parece que xa estamos máis cerca, pero aínda non hai nada conseguido.

Retrocedamos un pouco... a cando a Federación tomou a decisión de outorgar moito ascenso e cancelar descensos. A vista pasada e visto o formato e a composición das ligas hoxe, que lle parece?

Pois unha decisión moi acertada. Entendemos que houbo moitos equipos pelexando nas primeiras posicións e que ao final non conseguiran ese premio aos que non lle gustase, pero era o máis xusto, polos méritos feitos ata o momento. E respecto aos descensos, nunha situación na que estábamos, queríamos liberalos dese drama, por iso se cancelaron.

Con respecto á composición das ligas, hai que darse conta que son medidas produto da necesidade. E que nós non contamos con autoestradas para desprazarnos dun lugar a outro. Por iso o máis acertado era dividir por proximidade, porque ambos sabemos como é unha viaxe dende Esteiro a Malpica polas nosas estradas...

Outra das grandes complicacións está sendo o das lesións nesta preparación e inicio de liga...

Si, é certo que está habendo un montón de problemas físicos, pero paréceme que a maioría son molestias e sobrecargas máis que lesións de importancia. Polo menos, nas nosas xuntas, aínda non se mencionou ningún incremento especial de deportistas que tiveran que facer uso do seguro médico.

A boa nova é que semella que o fútbol volveu con máis gañas que nunca, nos xogadores e sobre todo, nas directivas, que é unha das súas grandes preocupacións.

Si, os xogadores e os adestradores son importantes, pero sen as directivas non podería existir o fútbol da costa. Por iso fago un chamamento aos mozos e mozas para que se involucren, porque cada vez os directivos teñen que facer máis labores e non son para nada recoñecidos pese a ser os máis necesarios.

E ademais de gañas, ven con novidades, como o de QPCtv, que puidestes ver de preto en Mazaricos. Que che pareceu?

É un proxecto moi ambicioso e bonito, sorprendeume a que montades, porque é impresionante a realización e produción, aínda que o día non vos acompañase. Ademais nunha bisbarra como a nosa na que hai tanta emigración, é incrible que alguén poida ver ao seu equipo dende a distancia.

Última, como responsable de deportes e integrante do club. Que lle parece o proxecto feminino do Xallas e o do filial?

O do feminino foi porque tiñamos nenas nos equipos ata infantís de segundo ano, que poden ser mixtos. Pero claro, ao chegar a cadete tiñan que buscar outro equipo e iso non é xusto, porque levan aquí seis anos. E o do Xallas B creouse para que non fose tan grande o salto de xuvenís a preferente. Son dúas ideas e dúas novas marabillosas para o noso equipo.

Comentarios