Venres. 03.05.2024
El tiempo

A taquilla de Agra da Filgueira queda orfa tralo pasamento Pepe de Villar

Xaco con Pepe de Villar
Pepe de Villar, á dereita, con Xaco
A taquilla de Agra da Filgueira queda orfa tralo pasamento Pepe de Villar

Semana de Reis triste na familia da UD Monte Louro. Un histórico do club loureán como foi sempre Pepe de Villar falecía esta semana deixando orfa a taquilla de Agra da Filgueira. Por aí é onde o recordarán a meirande parte da xente que visita o campo loureán nos últimos anos. Pero a carreira de Pepe de Villar ten moito máis percorrido, superando os 40 anos de dedicación ao club da súa vila, ao club da súa vida.

Pepe de Villar na Taquilla de Agra da Filgueira
Pepe de Villar na taquilla de Agra da Filgueira xunto con Eduardo, xogador histórico do club e colaborador

Non foi socio fundador, pero xa dende a primeira directiva, aló polo 84, estivo arrimando o ombreiro para que a UD Monte Louro estivese ben coidada. Non era de tomar decisións, prefería manterse sempre nun segundo plan, botando a man onde tocase. Taquilla, carnets, publicidades… ou como lembran os máis veteranos, pasando a peneira para pintar o antigo campo do Ancoradoiro, cando aínda non había nin carro de cal… Ese era un dos seus cometidos, como de subir a limpar a arqueta cando a auga das duchas, que viña “quentiña quentiña” directamente do monte se estancaba… Eran outros tempos, os dos aqueles máxicos Micasa que aínda quedan polos baixos de Agra da Filgueira.

Non lle gustaba levar o coche, pero sempre viaxaba co club, e durante os veráns sempre estaba preocupado polas fichaxes.

”40 anos son moitos anos dedicados a un club”, sinalan os seus compañeiros da directiva loureá, que lle van dedicar unha homenaxe á familia no vindeiro partido a casa ante o Volantes, o 28 de xaneiro.

Máis novas

Comentarios