Venres. 26.04.2024
El tiempo

A Tribuna Futfem: Rutinas de fin de semana e algunha polémica.

  • Cee, Xallas e Dumbría marcan o ritmo do grupo sur.
Xallas feminino 2022-23
Xallas feminino 2022-23
A Tribuna Futfem: Rutinas de fin de semana e algunha polémica.

Pasou a segunda xornada na Costa cos equipos e as xogadoras recuperando as sensacións de cada fin de semana de fútbol. Os adestramentos semanais serven de preparación para que ás mañás dominicais sexan do máis satisfactorio, tanto desde o punto de vista da diversión, como dos resultados. Se ben, este ano os desprazamentos serán distintos aos habituais, e xogadoras e corpos técnicos poderán coñecer novos campos ao longo e ancho da provincia da Coruña.

Os equipos do Norte, no seu grupo 2, viron como un dos partidos da xornada se converteu en trending topic nacional ao finalizar cun resultado pouco habitual no fútbol, sexa cal sexa a categoría.

A creación dunha 3ª División o ano que ven será sen dúbida a mellor solución para conseguir que a competición sexa máis igualada, porén, máis alá do resultado en si, ao finalizar o partido as xogadoras dos dous equipos inmortalizaron o momento cunha foto conxunta. Unha lección de fraternidade difícil de imaxinar se o resultado fose entre dous equipos senior masculinos. Pola súa banda, os 3 equipos costeños deste grupo recolleron sendas derrotas. Mentras o Corme non conseguía repetir o +3 da primeira semana na súa viaxe a Culleredo, o Ponteceso e o Cerqueda caían novamente derrotadas, mais obtendo un resultado máis axustado que na primeira xornada, que invita a pensar que o traballo semanal vai dando o seus froitos, e de seguro que seguirán progresando camiño de conseguir os primeiros puntos.

Pola sua parte, no grupo do Sur o Cee, o Dumbría e o Xallas conseguían unha nova vitoria, afianzándose na zona alta e marcando o ritmo da competición no grupo 4. O partido adiantado neste 12 de outubro da xornada 3, trouxo unha nova vitoria do Xallas que converteu ás xogadoras de Santa Comba en líder en solitario do grupo, despois de obter os 9 primeiros puntos en xogo desta temporada. As Miúdas de Muros, que viron como Miraflores se convertía nun inferno calorífico na tarde do sábado, conseguiron sumar a súa primeira vitoria e borrar as malas sensacións do primeiro partido en Calo, contra un Mazaricos que se mostrou máis ordenado que na primeira semana e que lle mantivo a cara ao partido ata que o cansancio, maximizado polo duro sol abrasador de outubro que caía sobre a Ría de Muros, fixo mella nas xogadoras da Picota.

Na mañá do sábado, horas antes do derbi entre as muradanas e as mazariqueñas, arrancaba a temporada na Liga Promesas. Mentras ás xogadoras do Cerqueda tocoulles descansar, o Dumbría e a Escola F. Luis Calvo Sanz comezaban a competición sumando de 3. Pola súa parte, o Cee caía co Pastoriza e tocarálle esperar ao fin de semana que xa asoma para poder sumar os seus primeiros puntos.

Vanse asentando as rutinas da competición, e vanse aclarando os papeis que cada un dos nosos equipos desenvolverá esta temporada.

A Tribuna FUTFEM

Máis crónicas do #FUTFEM

Táboa do Gr.2 da 2 Div.- Fem

Táboa do Gr.4 da 2 Div.- Fem

Comentarios