A TRIBUNA FUTFEM
Regresou o Fútbol Feminino á Costa, con máis forza ca nunca
- A Liga da Costa feminina, co corazón partido en dous.
Esta pasada fin de semana vén de disputarse, por fin, a primeira xornada da 2ª División Feminina, onde a Costa da Morte ten unha representación histórica con nada menos que 9 equipos (que o fútbol feminino siga quedando sempre para o último é unha cuestión que merece un monográfico).
Mágoa que os clubes costeiros se atopen encadrados en distintos grupos, no 2 e no 4. Outra boa reflexión merecería discernir as razóns de que o Cee ou o Dumbría non vaian a xogar co Ponteceso, pero si co Calo ou co Cacheiras. Ou que o Corme non vaia a xogar no Conco, e si en Frades ou Abegondo. Non respectar a estrutura histórica da Liga da Costa parece un agravio máis da FGF ao fútbol feminino, mais as directivas foron ás que aprobaron este calendario, polo que pouco máis podemos engadir ao respecto.
Partida en dúas, a Liga da Costa non contará con históricos enfrontamentos entre os equipos do norte e do sur, mais a parte positiva será que moitos equipos das zonas da Coruña e de Santiago poderán coñecer de primeira man as sensacións únicas de vir xogar un partido á Costa da Morte.
No que ten a ver coa competición en si, os 3 equipos do norte comezaron con sorte dispar. Mentras o Ponteceso de Curro e o Cerqueda de Jorge Guillamet sufrían severas derrotas, que serven sen dúbida para ir sumando minutos e collendo experiencia, ás cormelás dirixidas por Rubén Souto mostrábanlle ás gladiadoras do Burgo que na area do Cairo hai que sufrir moito para rascar puntos.
Polo grupo da área compostelá o Xallas de Rupper, no primeiro derbi da temporada fronte ao Mazaricos de Borja, e o Cee, que goleou ás santiaguesas do Vista Alegre, presentaron as súas respectivas candidaturas polos postos altos da clasificación, onde sen dúbida terán como principal rival polo título a un Calo que ninguneou ás muradanas da Escola Deportiva Os Miúdos. Pola súa parte, o Dumbría estreábase oficialmente cunha axustada e polémica vitoria en Negreira. Veremos cal é o teito das pupilas de Fran Figueroa.
Foi a mañá dominical deste 2 de outubro un día de festa inaugural para o FutFem costeiro. E á festa dos nosos 9 equipos sumáronse centos de siareiras e siareiros repartidos por boa parte da provincia da Coruña. Voltou o fútbol femenino á Costa con máis forza que nunca. Unha gran nova.
Queda por saber como de numerosa sería a festa se o FutFem se xogase en horario vespertino, como o resto de competicións seniors da Federación, pero iso é unha outra reflexión que hoxe deixaremos no aire.
Máis crónicas do #FUTFEM
Táboa do Gr.2 da 2 Div.- Fem
Táboa do Gr.4 da 2 Div.- Fem