O Xallas proclamouse no Conco campión da Liga Xuvenil
Xa temos o trío de campións das principais Ligas de fútbol base. Pendentes das finais de F8, o Outes alzábase xa hai un mes co tótulo Infantil, o Dumbría facía o propio coa liga Cadete, e onte no Conco disputouse unha fermosa finalísima polo título xuvenil.
Finalmente foi o Xallas o que levantou a Copas no campo dumbriés, despois dun partido tremendamente vibrante, como avanzanban na previa Raúl Periscal e Eloy García Feteira.
Dumbría - Xallas (1-2)
- Dumbría: Iker Muíño, Iván, Breixo, Antón, Álvaro Abeijón, Auciero, Cristian, Gabriel Goyes, Fabio, Kuki e Mario. Tamén: Quique, Leo, Martín Liñeiro e Noé.
- Xallas: Íker Arán, Fabio, Landeira, Asier, Álvaro, Marcos Carro, Yago Facal, Pedro Rial, Luís Mourelle, David Pereira. Tamén: Martín, Alex Calvo, Pablo Rod., Jesús e Fabián.
- Goles: 0-1, m.34: David Pereira fai un golazo dende a frontal; 0-2, m.44: Asier sorprende cunha falta lateral pola escuadra; 1-2, m.56: Fabio.
Choque de estilos no Conco. O Dumbría de Raúl, que necesitaba a vitoria, saiu tremendamente enchufado, e durante media hora someteron de maneira tremenda a un Xallas que non era quen de presionar alto, como acostuma. O Dumbría, co balón, metía na súa área ao cadro de Eloy, tendo grandes ocasións, como o man a man de Fabio que salva o meta Íker Arán, ou as chegadas de Cuki, Álvaro, Fabio e Mario.
Pero á media hor, no primeiro achegamento xalleiro á área contraria, David Pereira sacábase un zarpazo dende fóra da área que pegaba no pau e se colaba na meta de Íker Muíño.
Baixou aí un pouco o dominio dumbriés, e xusto antes do descanso, unha falta lateral de Asier, sorprendía a un Íker Muíño que esperaba un centro, colándose para facer o 0-2 nas dúas únicas chegadas dos verdes á meta local.
Comezaba a segunda, e volveu percutir o equipo local, presionando moi arriba, roubando rápido e tendo longas posesións. Aos 10 minutos recortaba Fabio e apenas un par de minutos despois o Xallas quedaba con 10 pola expulsión de Dani Barbeira, polo que os de Eloy se meteron en bloque baixo, e a sufrir. Aguantando as embestidas dos dumbrieses, que percutiron e percutiron durante media hora con ocasións claras de Goyes, Alvaro, Liñeiro e Fabio, pero o gol do empate, que os deixaría a 1 gol do título, non deu chegado ante un Xallas que soubo sufrir.