O Xallas volve á 1ª FUTGAL apenas 3 anos despois do descenso a 3ª
Na 23/24 tocaban fondo na 3ª FUTGAL. A reconversión do club provocou que os xalleiros decidisen empezar de novo, dende abaixo, descendendo dúas categorías. E o camiño está sendo de rosas. Apenas 3 anos despois, suman o seu segundo ascenso, e volven á 1ª FUTGAL, categoría que decidían deixar en 2023, despois de quedar na 6ª praza, empatados co Dumbría, a 1 só punto da promoción de ascenso. Non estaba na folla de ruta, como recoñecen os membros do club, pero a mestura de mocidade e veteranía deste grupo acaba de devolvelos á súa categoría.
Onte, arroupados por centos de afeccionados verdes, o equipo de Doriño conseguía manter a vantaxe conseguida na ida na Coruña. O empate a 0-0 en Fontenla ante o At. Castros permitiulle ao cadro xalleiro subir á categoría provincial.
Un equipo cementado dende o seu porteiro, un dos mellores da Costa como Iván Couto, con xente atrás como Peke, Elvis; no medio con García e Doro, que volveu ser dominador do medio campo, ratificado como un dos 4 mellores centrocampistas do curso, xentes nas bandas como os Rubéns, homes na zona de ataque como Bryan, Sergio Barbeira.
Menudo ano para o club xalleiro, despois de conseguir tamén a Copa da Costa Fem!
Xallas - At. Castros (0-0)
- Xallas: Iván Couto, Elvis, Facal, Adrián Couto, Peke, Dani Barbeira, García, Rubén Blanco, Rubén, Sande, Bryan, Sergio Barbeira. Tamén: Doro, Alberto, Julián, Maca, Pablo, Martín e Íker.
Partido tenso en Fontenla, baixo un ambiente espectacular, cun ambientazo espectacular. Os de Doriño non sufriron demasiado, sabendo controlar as armas do rival sen correr riscos. Con todo, houbo que apretar os dentes ata o final, ata o pitido final, para que saltase a alegría.
Foi un partido moi traballado e de moita esixencia táctica, no que o equipo xalleiro ealizou un enorme esforzo colectivo para conseguir un obxectivo histórico: o segundo ascenso en tres anos, ademais conseguido integramente con xente da casa.
Os de Doriño saíron cun posicionamento replegado, buscando pechar espazos, defender con solidez e saír con velocidade ás transicións ofensivas. En fase defensiva, o equipo adaptouse para defender cunha liña de cinco, mostrando unha gran disciplina, compromiso e solidariedade en cada acción.
A primeira metade foi moi igualada, cun rival que tivo a posesión en moitos momentos, pero sen atopar apenas ocasións claras grazas ao gran traballo defensivo de todo o equipo.
Na segunda parte, demos un paso adiante e fomos capaces de xerar varias ocasións moi claras de gol. Incluso dispuxemos dun penalti que non fomos quen de transformar, pero o equipo seguiu competindo ata o último minuto sen perder a calma nin a identidade.
O 0-0 final certifica un ascenso que ten un valor enorme, non só polo deportivo, senón tamén polo que representa: un proxecto construído con xente da casa, con compromiso, esforzo e sentimento de pertenza.
Como non podía ser doutro xeito, os xalleiros o celebraron en camión e indo á render homenaxe á Santa Comba, a estatua da rotonda do centro da vila.


