Venres. 03.05.2024
El tiempo

O Fisober complícase a permanencia e o Ponteceso FSF despídese da Copa

O Fisober complícase a permanencia e o Ponteceso FSF despídese da Copa

Nova fin de semana de fútbol sala feminino, non moi positivo para os equipos costeiros. O Fisober de novo fixo un moi bo partido pero non puido sacar nada de proveito da súa visita a terras vascas. Foi un apaixonante enfrontamento entre un Ordizia que ten aínda algunha opción de título pero sobre todo de promoción de ascenso e un Fisober que busca unha permanencia que aínda se lle resiste pero que ten na man.

Ademais, o Ponteceso FSF pechaba a tempada ao quedar eliminada na Copa Provincial ante todo un Manureva, que superaba de novo con claridade ás de Barca por un rotundo 8-2 e se mete na final, que disputará como favorito ante o Viaxes Amarelle B.

2ª División Estatal

As xogadoras do Fisober danse a man antes do choque coas do Ordizia
  • Resultado: ESTANDA ORDIZIA – FISOBER “CONCELLO DE VIMIANZO” (6-3).
  • FISOBER: Eva, Elsa, Ana, Olalla e Barca ; tamén xogaron : Noelia, Myrella e Inés.
  • Goles: 0-1 Barca, 1-1 Itsaso, 2-1 Ane (descanso) 3-1 Itsaso , 4-1 Naiara, 5-1 Naiara, 5-2 Ana, 5-3 Ana, 6-3 Olatz.
  • As da Costa saíron moi concentradas e metidas no partido. Os tres minutos aproveitaron unha contra levada por Ana e Barca para que esta última puxera en vantaxe o Fisober. Esta circunstancia deulle un plus de tranquilidade as visitantes e case un minuto despois de novo unha contra poñía a Barca diante da porteira pero desta vez non foi quen de materializar o gol.

    Todas as integrantes do Fisober estaban a realizar un enorme e serio traballo defensivo para evitar que o conxunto vasco igualara. As locais necesitaban a vitoria, empuxaban e empuxaban na busca do gol, pero o traballo en defensa ou Eva evitábano, e cando non era o pau como no minuto oito.

    Pasaban os minutos ata que os dez minutos desta primeira metade as locais atoparon o furado para que Itsaso igualara o electrónico. As da Costa seguiron igual de concentradas con defensa a media pista e con perigosas contras. E nunha desas primeiro Olalla e despois Barca tiveron o segundo gol visitante nas súas botas. Locais e visitantes loitaban cada balón, o cal provocou que as de Ordizia fixeran a tres minutos do fin a súa quinta falta, aínda que a sexta non chegou a ser sinalada. Cando parecía que se ía chegar con igualada o descanso, Ane conseguía o segundo gol local cando restaban dous minutos para chegar o tempo de lecer.

    A saída de vestiarios o panorama non trocou moito do da primeira metade, dominio local e contras visitantes, pero as ocasión xa non eran tan claras en ningunha das dúas porterías. Os dous conxuntos traballaban a reo por trocar o marcador, pero todo seguía igual e os minutos pasaban.
    E foron pasando ata que a once para o fin de novo Itsaso facía o terceiro gol local. Este gol fixo moito dano as da Costa, foi difícil de dixerir para o Fisober. Pasaron os seus peores minutos sobre a pista e as locais, tentaban aproveitar a situación para asegurar a vitoria.

    As visitantes debían arriscar cada vez maís se querían sacar algo de proveito e as locais aproveitaban a contra. Entrouse así nuns últimos cinco minutos que foron de tolos. A cinco para o fin Naiara aproveitaba un libre indirecto para poñer o cuarto gol local. E un minuto despois a mesma Naiara marcaba un novo gol que parecía definitivo.
    Pero as visitantes non se rendían e cada vez tomaban máis riscos. A tres para o fin Ana materializaba con suspense o segundo gol visitante e a dous para o fin de novo era Ana a que transformaba un penalti para facer o terceiro do Fisober.
    Agora as que máis empuxaban e tomaban riscos eran as visitantes pero unha contra materializada por Olatz case entrando no último minuto poñía fin a este interesante e vibrante partido.

    Vindeira cita

    O Fisober desplazarase este mércores dia 1 de maio ata Narón a disputar o I Torneo solidario fútbol sala alevín Concello de Narón 2013. As rapazas alevíns adestradas por Elsa Souto e Olalla Veres enfrontaranse os equipos de A Fervenza A e B e o Viaxes Amarelle.

    Horario dos partidos:

    • 10:30 h Fervenza A vs Fervenza B
    • 11:30 h Fisober vs Viaxes Amarelle
    • 12:30 h Fervenza A vs Fisober
    • 14:00 h Comida
    • 16:30 h Fervenza B vs Viaxes Amarelle
    • 17:30 h Fisober vs Fervenza B
    • 18:30 h Viaxes amarelle vs Fervenza A
    • 19:30 h Entrega de Trofeos

    As xogadoras convocadas para este torneo son: Porteira: Yanira Gándara; Xogadoras: Nuria Pose, Paula Fandiño, Nahir Parga, Maria Ameijeiras, Paula Mendez, Nerea Spata, María Lijó, Laura Romero e Amara Suárez.

    Copa Provincial, Volta das Semifinais

    • Resultado: Manureva - Ponteceso FSF (8-2)
    • A.D. VILA DE PONDAL-CONCELLO DE PONTECESO F.S.F: Salomé, Alba Reyes, Sandra, Carmen e Martina - tamén xogaron - Alba Marrozos.
    • Goles: Manureva: Natalia, Estefanía (2), Patricia, Cristina (2), Alba e Alba Reyes (do Ponteceso, en p.p.) Concello de Ponteceso FSF: Alba Marrozos (2).
    Enfrontou a volta da eliminatoria o Ponteceso con ganas, pero non lle serviron para darlle a volta ó marcador e pasar á soñada final. Contaba con varias baixas importantes que aínda llo poñía máis difícil e máis cando comezou o partido. O Manureva saíu coma sempre a gañar o partido e a demostrar as súas ganas por conseguir a Copa. O partido estivo dominado polo Manureva que xa na primeira parte tiñan unha clara vantaxe no marcador. O gol de Alba Marrozos non lle valía de moito ás pontecesanas, que viron como en 25 minutos a súa portería encaixara 4 goles, deixando o marcador no descanso con 3 goles a favor das locais. Na segunda metade non cambiou a cousa. O Ponteceso intentábao, pero non conseguía acortar distancias, ó contrario do Manureva, que ampliaba ainda máis a vantaxe con dous goles en poucos minutos. Poñíase o marcador con 6-1, pero ás locais non lles chegaba. Colábanse outros dous goles na portería de Salomé, que pouco puido facer por evitalos. Ainda que Alba Marrozos anotaba o segundo tanto para o seu equipo, as xogadoras de Barca e Curro viron que a eliminatoria xa estaba máis que decidida, pois era imposible remontar tantos goles en contra en tan poucos minutos. Acabouse así, cun 8-2 no luminoso no partido de volta e un 1-6 no de ida, a viaxe do Concello de Ponteceso nesta Copa Provincial. A pesar da dura derrota e de non chegar á final, o equipo non está insatisfeito de todo, posto que fixeron a mellor campaña da súa corta historia tanto en Liga con ese 3º posto, como en Copa chegando ás semifinais. O Manureva Suevos disputará a final de Copa contra o Viaxes Amarelle, que ganou os seus dous partidos contra o 5 Coruña cun global na eliminatoria de 10-2.

    Novas relacionadas

    Fonte

    • Redacción de QPC ([email protected]).
    • Nota de prensa do Fisober da man de Fran Toba e Barca.

Comentarios