Xoves. 28.03.2024
El tiempo

O Interrogatorio de Leis con… Vítor Recarei

Continúa a serie de entrevistas de Óscar Leis con persoeiros relevantes do noso Fútbol da Costa. Hoxe falamos en clave arbitral, cun colectivo que poucas veces aparece, pero que dende hai moitos anos QPC considera fundamental que se abra, que se deixe coñecer ás persoas que hai detrás dos silbatos. Falamos con Vítor Recarei, árbitro carballés e subdelegado do Comité de Árbitros na Costa da Morte.

Vitor Recarei nunha Gala QPC
Vitor Recarei nunha Gala QPC
O Interrogatorio de Leis con… Vítor Recarei

O Quecemento

  • Óscar Leis: De onde che vén a paixón pola arbitraxe?

Pois a verdade, nin eu mesmo o teño moi claro. Non teño antecedentes familiares nin vínculos moi forxados co mundo do fútbol, previamente á miña entrada no colectivo.
No 2012, tras o verán, nun momento de cambios vitais por cuestións que non veñen ao caso, deume por probar e entrar pola porta do colexio de árbitros/as da Coruña e, a verdade, quedei enganchado. A acollida que me prestou o que naquela altura era o delegado, Roberto Jallas, unha persoa á que sempre lle gardarei unha estima enorme, animoume, e os partidos engancháronme a un mundo que, hoxe, é parte inseparable da miña vida.

 
  • O.L.: Soe pasar que os afeccionados ou mesmo os xogadores teñen referentes ou ídolos no fútbol profesional. Ti tes como referente algún colexiado profesional?

Pois non, a verdade, eu son máis de distancias curtas, en todos os aspectos da vida, e os meus referentes están aquí. Para min os referentes son, sobre todo, grandes árbitros costeiros, como Bruno Méndez ou Marcos Ordóñez, ou coruñeses, como Xabi Rodríguez Campos ou Sergio Espasandín, compañeiros cos que compartín e comparto horas e quilómetros, e dos que tanto e tanto aprendín, e máis podería e debería ter aprendido, porque son enciclopedias andantes do fútbol. Eles son os meus verdadeiros referentes e o motivo polo que hoxe estou aquí, sen dúbida.

 
  • O.L.: Arbitrar é moi complicado, pero ser o delegado arbitral dunha delegación como a nosa, onde vivimos o fútbol con tanta paixón, xa debe ser terrible, non? Como o levas?

Son dúas facetas moi distintas, case contraditorias, diría. Ou complementarias. Pero, debo dicir, de ter que exercer este segundo papel, o de delegado arbitral, nun lugar do mundo, ningún como a Costa da Morte. Xogar este rol nunha zona con esta paixón é distinto, motivador, e debo dicir que a nosa xente, coas debidas excepcións, que sempre hai e haberá, é do melloriño. O fútbol da Costa non sería o que é sen a xente que o fai grande cada fin de semana, ou cada día, porque os equipos, para mantérense en pé, esixen o compromiso fiel de ducias de persoas a diario. O fútbol da Costa é diferencial pola súa xente, é único e irrepetible, é un orgullo ser parte desta familia.

A xente da Costa da Morte é xente honesta, agradable, xente do común, no mellor sentido da palabra, que entrega moitas horas das súas vidas a esta afección compartida e que te recibe cos mellores sorrisos cando chegas aos seus campos, que son como as súas casas. Para min é un pracer ir a cada campo e saudar esas persoas que ves unha e outra vez, falar da evolución dos equipos, das propias vidas que ao final xa coñeces... O fútbol costeiro é unha gran familia, e iso faino moi moi especial.

 
  • O.L.: Os domingos á tardiña activas o modo avión?

Inviable, que máis quixera! O fútbol non dá tregua. Como dicía un excompañeiro, “no fútbol non hai festivos”. As fins de semana é imposible ter o teléfono apagado, e a semana sempre ten cousas que facer cada día, tamén. Quizais os luns permiten un certo relaxamento, pero os martes xa comezamos a planificar as designacións da fin de semana, e a partir de aí imos cun ritmo in crescendo que alcanza o seu cénit os domingos. O teléfono non para até deitar na cama, falando un a un con cada un dos colexiados, avaliando como foron as cousas polos campos, recibindo chamadas, sabendo cousas, analizando, repasando actas... Non, os domingos non son precisamente un día de descanso.

 
Vitor Recarei na presentacion de QPCtv
Vitor Recarei na presentación de QPCtv

O partido

1º tempo

  • O.L.: Cantos anos levas arbitrando e cantos á fronte da Delegación?

Pois, como che comentaba, atravesei por primeira vez as portas da Delegación da Coruña no mes de setembro de 2012, van aló xa dez anos, e collín o silbato por primeira vez, nos campos da Torre, naquel mes de decembro, tras superar o curso de formación.
A Delegación da Federación de Fútbol na Costa da Morte, e en consecuencia a Subdelegación do Comité de Árbitros, púxose a andar a finais do mes de xaneiro do ano 2017, e dende entón (febreiro – marzo), pois aquí estamos. Puxemos isto a andar e aquí seguimos, ao pé do canón.

 
  • O.L.: Que valoración fas dende a túa chegada á Delegación até o día de hoxe?

Buf... Que foron seis anos, os que imos cumprir, moi moi intensos! Tivemos de todo polo medio: comezos, formación inicial, arrinque como Subdelegación, o medre dos rapaces, as expectativas, unha pandemia que parou o mundo, o mazazo da perda do noso Lucas…

Foron anos moi moi intensos. Pasou xa moita xente por aquí, temos persoas que xa estabamos arbitrando, unha magnífica primeira xeración do 2017 (algúns aínda seguen por aquí, outros fóronse marchando), e moita outra boa xente que se nos foi incorporando.

É difícil facer unha valoración, quizais poida dicir que, en vez de algo menos de seis anos que levamos, parece que fose toda unha vida.

 
  • O.L.: O meu amigo Julio Vila fixo famoso aquilo de “ou frauta ou gaita”. Onde te atopas máis cómodo, arbitrando ou como responsable da Delegación?

É complexo, son dúas facetas realmente moi distintas. Sen embargo, o que teño claro é que non entendería a segunda sen a primeira. O primeiro ano da posta en marcha da Subdelegación (temporada 2017/2018) non puiden arbitrar, para atender ben as funcións, facer un seguimento moi intenso dos árbitros que comezaban e demais... E tiven que volver, necesitaba volver, necesitaba sentirme árbitro.

A xestión da Subdelegación é un traballo máis diario, por momentos sofocante, porque son moitas áreas ás que atender, moitas chamadas, moitas xestións distintas, moitos sensabores, moitos problemas de última hora... Pero ten unha parte moi reconfortante, que é o trato cos clubs e cos árbitros, ese factor máis humano, máis de diálogo, que vai moito comigo e no que me encontro cómodo.
Pero se estou aquí, incluso como subdelegado, é porque son árbitro. A pesar de que hoxe en día só arbitro fútbol base e veterano, para min é fundamental estar a pé de campo cada semana, sentir o que senten os meus rapaces, mollarme con eles, visitar os distintos campos, vivir os seus problemas cos equipos. Antes árbitro que subdelegado, agora son ambas cousas, pero a segunda non a entendo sen a primeira. En ambas disfruto, en ambas sufro.

 
  • O.L.: Arbitrando eres máis de “sigan, sigan”, tipo Mateu Lahoz, ou máis quisquilloso, tipo Andújar Oliver?

Por unha vez, vou dicir aquilo de “non sabe, non contesta”. Non sabería definirme a nivel arbitral. Digamos que intento, como todos, acertar o máximo posible, e a partir de aí... Non che sei, non che sei. Unha compañeira da Federación defíneme sempre como “ex-árbitro”. Non sei, esta pregunta podes respondela ti, mellor, que algunha vez me verías no campo.

 
  • O.L.: Como responsable da Delegación, eres moi esixente con eles? Máis man dereita ou máis man esquerda? Mistura das dúas?

De todo fai falta, pero, certamente, aquí, polo noso volume, somos como unha pequena gran familia, así que, sobre todo, prima o diálogo. Falo con practicamente todos os meus colexiados, mínimo, todas as semanas, presencialmente ou por teléfono, temos clase todos os venres, todas as semanas vou ver a varios árbitros aos campos, temos unha comunicación fluída, e creo que esa é a clave.

 
  • O.L.: Temos colexiados na Costa con opcións de chegar lonxe neste mundo?

Non sei que se entenderá por chegar lonxe, pero si. Temos unha xeración por arriba que xa tocou teito (os Marcos Ordóñez, Bruno Méndez e demais), pero por abaixo temos un grupo de árbitros novos (o máis novo da nosa Subdelegación ten tan só 12 anos, e varios son menores de idade) que o tempo dirá onde chegan.
Con todo, o obxectivo fundamental para min é que estean a gusto, que disfruten deste mundo e se impliquen e, a partir de aí, a vida poñerá a cadaquén onde corresponda. Non hai máis. Traballo diario, disfrutar disto, e confiar.

 

2º tempo

  • O.L.: Que precisa agora mesmo a Delegación para seguir medrando, vai a bo ritmo o incremento de colexiados? A nivel formación, tendo en conta as continuas modificacións do regulamento e o extenso que é este, metes en falta algo máis de apoio?

A Subdelegación é un organismo vivo, como en todos os grupos humanos, hai entradas e saídas, é parte do proceso. Actualmente, estamos nunha boa cifra de colexiados, a máis alta da nosa historia (37), eramos apenas unha ducia cando se creou a Subdelegación aló polo 2017, e todos os anos medramos. Acontece que todo precisa o seu tempo, e boa parte deses 37 membros da Subdelegación son árbitros en formación, que están dando os seus primeiros pasos, pero temos confianza en afianzar e consolidar este grupo, e seguir medrando.

A nivel formativo, non, non é para nada un problema de apoio ou de recursos. O CTGAF ten plataformas de formación interactivas, e a maiores temos clase todos os venres, impartidas polo noso colexiado de Terceira RFEF, Bruno Méndez.

Acontece que é complexo, a actualización permanente é innegociable, a priori temos que saír aos campos sabendo de pe a pa o regulamento e a distinta normativa federativa, pero obviamente iso é inviable. Hai que ter en conta que aquí non temos profesionais do fútbol, todos os rapaces teñen a súa vida, os seus estudos, o seu traballo, as súas circunstancias, agora ademais varios deles compaxinan arbitraxe con xogar en equipos, co cal, a dispoñibilidade de tempo que moitos teñen non sempre é a desexable. E, por suposto, que a arbitraxe non é unha ciencia exacta, como tampouco o é o fútbol, as decisións tómanse no campo, en décimas de segundo, e en función de múltiples factores (coñecemento das regras, colocación no terreo de xogo, situación ambiental...), o acerto 100% é imposible. Traballamos para mellorar as prestacións, pero asumir que somos humanos e falibles, nós e os xogadores, é parte do deporte.

 
  • O.L.: Pode ser que algún rapaz que estea lendo isto lle ronde a idea de meterse na arbitraxe, que lle dirías para acabar de convencelo?

Sen dúbida, diríalle que probase. A arbitraxe é un mundo apaixonante, que engancha, e disfrutar o fútbol da Costa dende esta perspectiva é algo que non se imaxinan quen non o probou.

 
  • O.L.: Eu penso que a relación colexiados vs clubs non é todo o fluída que debería ser, unha mellor relación evitaría seguramente algunha polémica. En que debemos achegarnos os clubs aos colexiados e viceversa?

Comparto e non comparto, a verdade.
Primeiramente, unha certa distancia é necesaria, cadaquén ten que situarse no seu plano, e actuar respecto da outra parte con naturalidade e normalidade.
A partir de aí, dun tempo a esta parte, e no que ten a ver co fútbol da Costa, especialmente dende a creación da Subdelegación, o noso trato cos clubs é moi próximo. Falo en primeira persoa, todos os clubs teñen o meu teléfono, compartimos reunións diversas ao longo da temporada, e comentamos infinidade de situacións, máis aló das ordinarias (programación de partidos amistosos, torneos, horarios...). E creo que unha das cousas boas que ten o colectivo arbitral costeiro é que está formado por moi boas persoas, e que o trato campo a campo é, en xeral, máis que bo.

Aos clubs, nese sentido, non teño nada que pedirlles. Creo que o trato que recibo deles, e que reciben en xeral os meus colexiados por parte das directivas, é máis que satisfactorio, nós, na Costa, sentímosnos na casa, e sentimos que así nos tratan.

Quizais, dentro das dificultades, o único que faría sería animar os clubs a pedirnos que fósemos máis a eles a dar charlas, por exemplo, ao fío do que comentabas antes, sobre as regras e os cambios, creo que se poderían aforrar moitas protestas e polémicas se adestradores/as e xogadores/as coñecesen algo máis a fondo as regras e a normativa. Quizais só niso melloraría, e recordo que estamos a plena disposición dos clubs para isto, como moitos xa saben, porque cada ano recibimos algunhas chamadas, que atendemos encantados.

 
  • O.L.: O voso colectivo ten fama de ser moi corporativista, estás de acordo?

O noso colectivo necesita ser moi corporativista. En determinados momentos, somos as primeiras vítimas das críticas. Nos campos, normalmente estamos sós/soas (como moito, en tríos), fronte a colectivos (equipos, público) moito máis numerosos. É natural, necesario, que nos arroupemos entre nós, aí ten que residir parte da nosa fortaleza.

 

A prórroga

  • O.L.: A final da Copa da Costa énchelle moito o ollo a colegas de outras delegacións?

A final da Copa da Costa é un momento único, para os equipos, tamén para os árbitros. Todos/as gustariamos de estar aí. É un evento de tal relevancia que a propia Federación traballou por poñelo no escaparate, incluso retransmitíndoa en directo, a pesar de tratarse de partidos de fútbol de categorías moi modestas, que normalmente non gozan desta exposición. Só hai que ver o espectáculo, a nivel de espectadores/as, que supuxo a última final, para entender o que supón. E os/as árbitros/as somos parte do fútbol. Sempre, en cada final costeira, vexo moitos/as compañeiros/as que se achegan a vela dende diferentes partes do país, e por suposto que a calquera de nós lle gustaría estar aí, é un colofón magnífico a unha temporada.

 
  • O.L.: Hai neveira na Delegación de Árbitros da Costa?

Como dixen, hai moito diálogo. Intentamos, intento, ser xusto, que cadaquén ocupe o espazo que lle corresponde. Somos un grupo cada vez máis grande, afortunadamente, e xestionar grupos humanos ten as súas dificultades, e por suposto hai momentos nos que as cousas non se fan como deberan, e temos que sabelo e xestionalo. A partir de aí, insisto, somos unha pequena gran familia, e procuro que o diálogo impere.

 
  • O.L.: Consideras que algunhas das normas do regulamento non vos axudan?

O fútbol é un elemento dinámico, habería moito que falar. As verdades absolutas poucas veces existen. E proba diso é que incluso dunha temporada para outra cambian regras que antes se daban por sentadas, ou interpretacións das regras (como aconteceu este ano co fóra de xogo). Sobre todo, penso que o fundamental, o que máis agradeceriamos dende o colectivo arbitral, sería a estabilidade na norma, pero tamén entendo que o IFAB ten a obriga de adaptarse e adaptar o regulamento alí onde detecta erros, así que o mellor é non darlle máis voltas e traballar co que hai.

 
  • O.L.: “Protestar una de mis decisiones con gritos y los brazos levantados” sae sempre nos exames do colexio de árbitros?

Onde sae sempre é nos terreos de xogo, gustaríame atopar un partido onde non houbese protestas. Ao final, dá igual que pite todos os partidos Del Cerro Grande ou Mateu Lahoz, Bruno Méndez ou Vítor Recarei, non hai partido de fútbol sen protestas. É xa connatural á práctica do xogo, e debo dicir que me dá certa preguiza, porque ao final esquecemos o importante, que é o partido, o propio xogo.

Penaltis

  • O.L.: Dime os teus preferidos ou preferidas: porteir@, defensa, medi@, dianteir@?

Vasme permitir, neste caso, aínda que teña as miñas preferencias, que manteña a miña neutralidade arbitral. Imos evitar abrir debates innecesarios nesta materia, que non é a miña.

A Acta

- Cartón amarelo para: As protestas aos/ás árbitros/as e os enfrontamentos entre xogadores/as. Considero que cadaquén debe centrarse no seu papel e en gozar da práctica do deporte. Iso axudaríanos a todos/as.

- Cartón vermello para: As condutas incívicas nos terreos de xogo (e fóra deles). O fútbol debe ser un lugar de disfrute. Detesto especialmente o feito de levar nenos/as aos terreos de xogo para que logo escoiten a seus/súas pais/nais/avós/avoas comportarse como sei que non o farían na casa. E vese demasiado.

 
  • O.L.: Agardo que estiveses a gusto, moitas grazas.

Sempre é un pracer.

 

O Interrogatorio de Leis

 

Outras entrevistas en QPC: Os traballadores na sombra

Comentarios