Sábado. 04.12.2021
El tiempo

Cecilia Allo Pose: “Vagon91 é viaxar, aprender e compartir un chisco de vidacoas persoas que entrevisto”

Cecilia Allo Pose e Vagon 91
Cecilia Allo Pose: “Vagon91 é viaxar, aprender e compartir un chisco de vidacoas persoas que entrevisto”
A música Antía Ameixeiras, o director de cine Dani López, o mariñeiro Rogelio Santos, o pintor Leandro Lamas, o creativo publicitario Ángel Zarra, o locutor radiofónico Fran Lago, o deseñador gráfico Miguel Anónimo, o creador de contidos online Olaxonmario, o presentador da TVG Pepe Capelán… Estes son os personaxes que xa montaron no Vagon 91 de Cecilia Allo Pose.

A través da súa canle de Youtube esta nova laxense mantén interesantísimas “entrevistas de xeito cotián a persoas extraordinarias”. Unha horiña de conversa na que debullan as vidas e accións de xentes singulares do país, con esa necesaria pausa que habitualmente os medios esquecemos.

 
  • QPC: Dende cando, e por que, sabes que querías ser xornalista?

Este sería o momento idóneo para contar de xeito case onírico formato “american style” como, xa dende nena lía o xornal e atendía aos informativos con ansias locutorias… pero o certo é, que nunca cheguei a estudar xornalismo.
Son graduada en Publicidade e RRPP, e mesmo, tampouco exerzo agora como publicista. O que sempre me gustou foi escribir, contar historias dun xeito diferente e transformar unha idea sinxela en algo máis complexo e entretido. Iso é algo que a pesar dos anos, sempre se mantivo, a ilusión por mudar e compartir.

 
  • QPC: Como se che ocorreu comezar esta serie de entrevistas?

Tiña a espiña cravada dun proxecto comunicativo persoal. Algo sinxelo, próximo as persoas e do que aprender. O empurrón definitivo foi da xente á que quero, que me animou moito. A miña parella, ou amigos como Pedro Vázquez (publicista en activo) sempre se mantiveron na premisa de que comunicar era o meu e que nunca deixara de lado a idea de facelo. A eles e moitas máis persoas debo cada visualización e noraboa, e tamén, por suposto, aos entrevistados, que comparten con tanto agarimo un chisco do seu tempo vital en falar comigo.

 
  • QPC: Que significa Vagon91?

O ano 1991 foi polos pelos, o ano do meu nacemento. Unha amiga moi querida, Irma, díxome un día “a vida é coma un tren, hai xente que se sube ata a fin da viaxe, e outros, baixan a medida que o tren avanza”. Quizáis soe profundo demais, pero o concepto das entrevistas é ese mesmo. Viaxar, aprender e compartir coas persoas as que entrevisto un chisco de vida.

 
  • QPC: Como escolles aos teus invitados?

Nun comezo, a miña idea era que os entrevistados foran persoas anónimas pero con algo que contar. Un proxecto, un xeito de vida peculiar... etc. Finalmente cheguei á conclusión de que, o interesante é o que hai detrás. Que non importa se es coñecido ou non, se non as ganas coas que fas as cousas. O que mellor me funcionou ata o de agora é a recomendación de amigos - oiches falar desta persoa…? sabes tal outro que fai isto?.
O que teño claro é que non me gustaría entrevistar a persoas dun estilo en concreto ou orientación política única. Na diversidade é onde máis se aprende.

 
  • QPC: Das persoas que levas entrevistadas, cales foron as que máis te impactaron?

A nivel vital creo que a entrevista de Dani López foi a que máis me impactou. Non só como profesional, se non como humano. Dani é unha persoa que ve a vida cunha paixón que me sobrecolle.
Despois, todas e cada unha das entrevistas me agasallaron momentos únicos. Pepe Capelán, Leandro Lamas, Fran Lago, Antía Ameixeiras, Olaxonmario, Rogelio Santos... buf, e as que me quedan! Síntome afortunada de que as persoas adiquen tempo para abrirse con agarimo e honestidade, algo cada vez máis difícil en tempos de redes sociais.

 
  • QPC: Cales son os teus medios de referencia? E xornalistas?

Os podcast creo que viñeron para revolucionar o concepto que tiñamos de comunicación. A labor por exemplo dos compañeiros de Podgalego creo que é súper importante. Está tamén xente como Fran da Lobeira, que é o noso “Lista 40” galega, e ao que creo que hai que aplaudir, porque leva tempo creando contido e poñéndonos ao día da actualidade de creadores máis próxima.

Xornalistas que me apaixonan son por exemplo Àngels Barceló, porque fala, analiza e expón indiscriminadamente información sen contar a liña política na que se move a noticia. Alex Fidalgo en “Lo que tú digas”, ao que admiro porque se aproxima aos convidados dun xeito humano e ao mesmo tempo moi profesional, e a nivel de medios galegos, creo que este xornal, Que Pasa na Costa é non só necesario, se non vital. É moi importante darlle relevancia a zonas coma a Costa, dicir- sí, existimos, pasan cousas, e estamos máis presentes ca nunca. Non esquecer, que Galicia non só é Santiago de Compostela ou as luces de Vigo en nadal.

 
  • QPC: Supoñemos que es usuaria de varias redes sociais. Como usas cada unha? Cres que é posible estar ben informado só a través das redes?

Creo que as redes sociais son un coitelo. Sempre vai depender do uso que lle deas. A intencionalidade é moi, moi importante. No meu caso, úsoas pouco porque tento centrarme en poder facer entrevistas e compaxinalas co traballo que me mantén, e para sorpresa de moitos, ter unhas redes sociais profesionalizadas é cada vez máis difícil e precísase moito tempo e enerxía.

Como xeito de información... sigo pensando que debemos complementar esas píldoras que nos chegan. Que é moi doado quedarse só co titular das noticias e que debemos abrir, ler, comprobar e sobre todo, comparar. Os medios sempre estiveron influenciados, porque non deixan de ser empresas que precisan cartos para sobrevivir. Debe ser un tweet a nosa fonte fiable de información?- Non o creo. É unha ferramenta potente e que pode abrir o apetito á curiosidade? - Definitivamente.

 
  • QPC: Que cres que aportan as redes sociais aos medios?

Aportan sen dúbida inmediatez, venta… o mundo está pensado para facer algo de xeito rápido e pasar a outra cousa. As redes, son iso- facer amigos sen saír, ligar sen moverse do sofá, informarse sen buscar, mercar sen pensalo… Pero tamén son posibilidades. Reencontrar vellas amizades, falar coa familia emigrada...Iso sí, os medios de comunicación en Galicia (sobre todo os masivos) estanse quedando obsoletos. Seguimos facendo televisión coma fai 20 anos, por exemplo. As plataformas están desactualizadas… precisamos adaptarnos a eses ritmos se queremos sobrevivir, e xa imos tarde.

 
  • QPC: Onde soñas poder acabar traballando?

Gustaríame que fora Galicia. Non ter que facer a maleta coma tantos outros e marchar. En canto ao tipo de traballo... penso en seguir compartindo historias e poder crear. Axudar as persoas a comunicar e facer diso un xeito de vida. Será posible? Quen sabe... ímolo ir vendo.

comentarios