O pleno de Cee aproba un recoñecemento extraxudicial de crédito para solventar a débeda da empresa dos Cines A Xunqueira
Co futuro do cine en xogo, despois do marabilloso domingo de salvación, o goberno municipal levou a un pleno de urxencia este luns o levantamento de reparo interposto pola Intervención Municipal basado na insuficiencia de crédito e a aprobación do Recoñecemento Extraxudicial de Crédito de 74.025 euros para poder sucsanar a débeda contraída nos últimos anos pola empresa que xestiona os Cines A Xunqueira.
Despois de media hora de debate, a maioría absoluta do grupo de goberno socialista aprobou cos seus votos as dúas mocións, coa abstención dos grupos de BNG, PP e IxCee. Agora, quedaría a Comunidade de Propietarios podería salvar así a débeda e comezar de cero.
Dende o PP, Jesús Picallo, que recoñece a complicada tesitura do goberno ceense, apuntaba que esta decisión supón un "agravio comparativo co resto de propietarios de locais". "É algo que hai que tratar co resto de propietarios", respondía a alcaldesa, Margarita Lamela.
O BNG puxo en valor a campaña realizada pola mocidade ceense para salvar os cines, e recordou que o asunto xa leva anos xestándose e que a rexedora non o afrontou a tempo. Criticou tamén que non se contase para nada unha oposición que foi convocada de urxencia para a comisión e o pleno. "Vai ser rentable?", preguntouse Serxio Domínguez.
A máis crítica foi Pilar Iglesias, de IxCee, que non entende que "todos os veciños de Cee teñamos que pagar á empresa NOVOGIl, S.L. a cantidade de 74.025€ dos nosos caudales públicos e tendo en conta que xa se lle aboaron 44.415 euros anteriormente". Acusa ao goberno de "unha alcaldesa non pode basearse en dicir que non lles foi comunicada a suspensión da facturación" porque é o seu deber estar ao corrente. E, consciente de que a cultura e o deporte deben recibir a protección do público, "o Concello de Cee non ten capacidade para subvencionar a actividade empresarial, e considera que "o máis razoable sería negociar un plan de pagos para que a empresa se poida ir poñendo ao día porque sabemos que o concello vai a repercutir esos cartos na empresa".
Iglesias tamén afondou no "agravio comparativo" co resto de negocios.


