A final da Copa da Costa, en directo no Youtube de QPC!
Este domingo xógase a gran final da Copa da Costa 2026. Mentres media provincia ten un ollo en Valladolid, o Fútbol da Costa fixarase na súa gran cita do ano (ademais da Gala, da que pronto teremos novidades), nun duelo que enfrontará ao CF Muxía e ao SCD Malpica.
Alí estará o equipo de QPC, que vai realizar un esforzo para que se poida vivir dende todo o planeta, e vai retransmitir a final en directo dende a Canle de Youtube @Quepasanacosta.
Con Óscar Leis e Alberto Pose aos mandos da locución, comezaremos ás 17:30-17:45 para vivir ao máximo a paixón do fútbol da costa no seu máximo esplendor, lembrando as históricas retransmisións de QPCtv.
Unha retransmisión que contará coa colaboración do Concello de Vimianzo e o Soneira SD para a realización, e coa asistencia técnica de Pablo Álvarez.
Ambientazo
Como non pode ser doutra maneira, o Irmandiño vivirá unha xornada de gala. Xa hai varios autobuses reservados dende Malpica, e dende Muxía tamén se espera unha mobilización masiva. Os muxiáns buscarán o primeiro título da súa historia, na súa segunda final consecutiva, e terceira en total (caeron no 66 ante o Xallas; e o ano pasado ante o Dumbría). Polo seu bando, o Malpica busca o seu segundo título (gañou na lembrada final do 85 ao Cabana) na súa cuarta final (caeu no 75 ante a Esteirana e no 2013 ante o Xallas).
Favorito, o Muxía
Deportivamente, o favorito parece o Muxía. O Malpica chega tras 5 derrotas seguidas, pero ben é certo que despois dunha gran primeira metade da temporada, dende a súa clasificación para a final o equipo de David Baña relaxouse na Liga co ollo posto na Copa.
O cadro malpicán afronta a final despois de superar dúas eliminatorias na lotaría dos penaltis, en Cuartos ao Corme e en semis ao Porteño.
Tamén a penaltis eliminou ao Muxía en Cuartos ao Castriz, pero despois se desfixo de todo un Sofán, claro candidato ao título como equipo máis punteiro do noso fútbol. Os de Pataca, estiveron a piques de colarse na promoción de ascenso á Preferente, e chegan nun gran momento de forma







