xoves. 25.09.2025
El tiempo

A Confraría de Laxe ofrece este sábado unha degustación gratuíta de peixe no Castillo de Vimianzo

Miguel Mosteiro nunha degustacion
Miguel Mosteiro nunha degustación
A Confraría de Laxe ofrece este sábado unha degustación gratuíta de peixe no Castillo de Vimianzo

A Confraría de Pescadores de Laxe organiza o vindeiro sábado, 27 de setembro, unha degustación gratuíta de tapas elaboradas con peixes da súa lonxa. O evento terá lugar no interior do Castillo de Vimianzo, desde as 12:00 horas, e estará aberto ao público ata esgotar existencias. 

A elaboración destas degustacións correrá a cargo do cociñeiro Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa, que preparará diferentes tapas co obxectivo de poñer en valor a calidade, variedade e versatilidade do peixe que se despacha diariamente na lonxa de Laxe. Trátase dun produto procedente da pesca costeira artesanal, unha actividade que garante a frescura, sustentabilidade e calidade das capturas, así como o mantemento dun oficio crave para a economía e a cultura mariñeira da Costa da Morte. 

Durante a xornada prevese servir máis de 300 tapas gratuítas, en dúas ou tres elaboracións diferentes, co obxectivo de achegar o produto local á cidadanía e difundir a importancia de consumir peixe de proximidade. 

O peixe de Laxe, tamén á Coruña

Esta degustación forma parte dunha iniciativa máis ampla de promoción do peixe de Laxe, que visitará varios enclaves da provincia da Coruña. Tras a estrea en Vimianzo, xa está confirmada unha nova cita no mercado de Elviña (A Coruña) no mes de outubro. A confraría planea ademais estender a programación ao longo de 2026, consolidando así unha estratexia de promoción continuada no tempo. 

Con este calendario de actividades, a Confraría de Pescadores de Laxe reafirma o seu compromiso coa promoción dos produtos procedentes da pesca costeira artesanal, fomentando un maior coñecemento entre o público da calidade e variedade das súas capturas, así como do valor social, económico e cultural da pesca artesanal. 

Comentarios