venres. 01.08.2025
El tiempo

A Confraría de Pescadores de Laxe prepara as súas IV Xornadas de Pesca Artesanal

Concinando navallas en Laxe
Concinando navallas en Laxe
A Confraría de Pescadores de Laxe prepara as súas IV Xornadas de Pesca Artesanal

A Confraría de Pescadores de Laxe pon en marcha esta fin de semana as IV Xornadas de Pesca Artesanal "No Mar da Lonxa de Laxe". 

Navallada de Laxe

Unhas xornadas completas que arrincan este venres, 1 de agosto, coa segunda edición da Xornada de Degustación Gastronómica da Navalla, Longueirón da Lonxa de Laxe, un evento aberto ao público no que se degustarán uns 120 quilos de navallas e longueirón preparados á grella con aceite e emulsión de limón.

A degustación, preparada polo equipo de Gastrolab Arousa, servirase a partir das 21:00 horas na carpa instalada xunto á lonxa de Laxe. Esta iniciativa enmárcase nas accións promovidas pola Confraría de Pescadores de Laxe para promocionar os produtos do mar locais e poñer en valor a pesca artesanal.

A xornada incluirá tamén unha actividade educativa e familiar: o lúdico obradoiro científico "A Biodiversidade do Mar de Laxe", que impartirá Coordinación Arenaria a partir das 20:00 horas, tamén na carpa exterior. A actividade, completamente gratuíta e dirixida a nenos de todas as idades, require inscrición previa chamando ao teléfono 608 274 900.

Durante este obradoiro, os pequenos participantes poderán descubrir, dun xeito divertido e interactivo, algunhas das especies mariñas máis representativas da Costa da Morte, así como datos interesantes sobre as súas características e hábitats. Tamén aprenderán sobre os oficios do mar e algunhas das técnicas de pesca tradicionais e sostibles que se empregan na zona.

Máis xornadas

O sábado e o domingo, a actividade continuará coas IV Xornadas de Pesca Artesanal "No Mar da Lonxa de Laxe".

O sábado, haberá demostracións de cociña, obradoiros culinarios infantís, unha poxa simulada, a entrega de premios aos embaixadores do peixe e o marisco de Laxe e unha degustación gratuíta de arroz con peixe e marisco. ç

E o domingo 3 de agosto haberá un gran festival gastronómico a partir das 13:00 horas.

 

Comentarios