Venres. 26.04.2024
El tiempo

Laxe comeza a preparar o seu entroido man a man coas asociacións

Laxe comeza a preparar o seu entroido man a man coas asociacións

Un dos concellos que mellor integra ás entidades sociais na organización das festas é o de Laxe. Dende hai varios anos, as asociacións son as principais forzas que preparan festas como a do Entroido. Un entroido que ademais recuperou nos últimos tempos unha fermosa historia popular, a historia de Don Caietano que fai de cada entroido unha festa singular.

Pois este mesmo martes 15 de febreiro, ás 20:30 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello de Laxe, ponse en marcha o Entroido de Laxe. Para iso, a Concellería de Cultura e Benestar Social do Concello de Laxe, convocou un encontro entre diferentes representantes do Concello –en concreto: Antón Carracedo, Alcalde de Laxe, José Manuel Mouzo Castiñeira, Concelleiro de Cultura, e Tamara Salvadores Villanueva, Animadora Sociocultural do Concello- e os membros que acudan á cita de entre as máis de 20 asociacións, entidades e colectivos municipais convidados e citados a dito encontro.

O principal obxectivo desta xuntanza é a organización e preparación da celebración dos días de Antroido deste ano 2011, protagonizados, dende o ano 2009, pola figura do “Caietano”:.

A historia de Caietano

Personaxe fantástico-histórica da vila que nas datas do antroido, toma simbólica posesión do seu cargo na alcaldía de Laxe. Este feito, sempre é xerador dunha gran festa na vila, na que diferentes comparsas, formadas maioritariamente por agrupacións e asociacións de Laxe, son as verdadeiras protagonistas. Ao caer a tardiña dese mesmo día, o Caietano é condenado a pena de morte pola gran cantidade de pecados cometidos, así coma pola gran cantidade de pecados aos que incita entre toda a xente do pobo.

Unha semana despois da súa condena, o Caietano é e será misado no pobo de Laxe, nun acto no que adquiren especial relevancia todo o conxunto de “viuditas” que este home de tan boa vida deixa as súas costas... Habitualmente, a súa queima no peirao de Laxe, deixa tras de si outra gran festa popular de liberación.

Dende o 2009, ano de recuperación desta importante tradición popular no Concello de Laxe, os actos organízanse de forma colaborativa con todas as asociacións e entidades municipais da vila que desexan involucrarse e participar de forma activa nos mesmos, sendo elas, realmente, as impulsoras e mantedoras desta tradición, na que o Concello adopta posturas mediadoras e de coordinación entre as diferentes propostas que van xurdindo.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do Concello de Laxe.

Comentarios