Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Laxe contará cun Punto de Atención á Infancia

Laxe contará cun Punto de Atención á Infancia
pai-laxe A Deputación da Coruña financia con 63.000 euros a reforma da antiga escola unitaria de Laxe Laxe contará cun Punto de Atención á Infancia - PAI - no que se ofrecerá servizos de garda e coidado para nenos de entre 3 meses e 3 anos grazas ao Plan de Acción Social da Deputación da Coruña que fixo unha achega de 63.000 euros para o acondicionameento da antiga escola unitaria de Laxe. Os PAI son un instrumento de desenvolvemento rural especialmente concibido para os concellos de menos de 5.000 habitantes que precisan prazas para a atención dos nenos entre 0 e 3 anos, pero non teñen o número suficiente de menores para crear escolas infantís para estas idades. No concello de Laxe dáse esta situación, xa que tan só naceron 19 persoas no 2015 e 20 no 2014. A través do Punto de Atención á Infancia, ofrecerase un servizo de atención que facilite a conciliación laboral para os pais, titores ou coidadores dos menores que aínda non están en idade escolar. Reforma Para dotar ao concello de Laxe deste servizo, os fondos provinciais sufragarán a renovación da planta baixa do edificio da antiga escola, situado entre a avenida Cesáreo Pondal e a praza do Concello, que conta cunha superficie de máis de 100 metros cadrados, aos que se suman os 300 metros cadrados do patio exterior cuberto, que servirá de zona de recreo. A ubicación do novo PAI nas dúas aulas da planta baixa, actualmente destinadas a actividades culturais do concello, responde ao obxectivo de garantir que a zona de estancia dos nenos sexa a máis confortable desde o punto de vista da iluminación e salubridade das pezas. Este espazo remodelarase para dar cabida a unha zona dedicada aos usos internos e de funcionamento do centro, coma a recepción, un despacho e unha zona de aseo. Nun segundo espazo, xerarase unha aula polivalente e varias áreas destinadas á preparación de alimentos, ao descanso e a un baño específico para os nenos. Tamén haberá unha zona de xogos e espallamento, recuberta con pavimento brando de caucho e que contará con acceso directo ao patio exterior. Para garantir a seguridade dos nenos, colocaranse proteccións nos radiadores e termómetros das paredes do aula polivalente e da zona de descanso. Así mesmo, instalaranse tiras protectoras “anti pilladedos” de seguridade nas portas de todo o centro e recubriranse os cantos dos mobles con adhesivo realizado en espuma de alta densidade. O proxecto financiado pola Deputación tamén inclúe a creación dun falso teito modular de fibra natural, a colocación dun vinilo co nome do centro na fachada e a adquisición de todos os mobles necesarios, que estarán elaborados en DM lacado. Todos os traballos executaranse conforme ás normativas vixentes de protección fronte ao ruído, seguridade contra incendios e eficiencia enerxética. Así, instalarase un envolvente que proporcione illamento para evitar humidades e garantir un uso racional da enerxía e renovarase a carpintería exterior, con novas ventás en aluminio lacado acristalado con vidro térmico. O proxecto tamén contempla a eliminación das barreiras arquitectónicas, garantindo o acceso e o uso das zonas comúns ás persoas con mobilidade reducida. Novas relacionadas Fonte

Comentarios