Martes. 17.09.2024
El tiempo

Laxe volveu encher de sentimento o mar na 62ª edición do Naufraxio

Naufraxio de Laxe 2024  2
Laxe volveu encher de sentimento o mar na 62ª edición do Naufraxio

Intensa a mañá do sábado vivida en Laxe. Como cada 17 de agosto, a vila celebrou a 62ª edición do Simulacro de Naufraxio. Toda unha vida celebrando este estoupido de emocións que serve para honrar a todas as persoas falecidas no mar. Unha celebración única na contorna e declarada de Interese Turístico de Galicia que congregou a milleiros de persoas na vila.

Tralo pasarrúas a cargo da banda de música Eduardo Pondal de Ponteceso e a Asociación Cultural Maruxía de Laxem arrincaba a emotiva xornada coa a tradicional misa solemne na honra á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, na igrexa parroquial de Santa María da Atalaia. Ao remate iniciouse a procesión ata o peirao, onde tivo lugar a representación do Naufraxio. 

O alcalde, Francisco Charlín, mostrouse “moi emocionado e contento pola gran acollida que, un ano máis, tivo o Naufraxio” xa que é “un evento único e que forma parte da nosa historia e tradición, polo que é moi emocionante ver como a xente se entrega e forma parte deste día, mantendo máis viva ca nunca a esencia desta celebración tantos anos despois”.

Naufraxio de Laxe 2024 1

A representación do Naufraxio é dun dos momentos máis emotivos e agardados do día, no que varios mariñeiros saen nunha chalana e simulan a ruta que realizan habitualmente cando rematan de pescar. 

Ao chegar á metade do percorrido, van a pique e lanzan unha bengala. Alí comezan a nadar para chegar a terra, onde se dan conta de que un dos seus compañeiros está morto e volven para buscalo.

Entre todos levan o corpo inerte a terra e preséntano aos pés da virxe, quen obra o milagre de resucitalo. En memoria de toda a xente naufragada, procederon a cantar o ‘Salve Mariñeira’ para agradecerlle á súa patroa a constante protección.

Naufraxio de Laxe 2024 3

A continuación, realizouse a tradicional danza de arcos e, ao remate, os barcos engalanados saíron en procesión. Xa de volta, a Virxe do Carme regresou á igrexa parroquial portada nos ombros dos mariñeiros que participaron na simulación, que fan ese camiño descalzos.

Naufraxio de Laxe 2024 Danza de Arcos

Naufraxio de Laxe 2024 4

Comentarios