Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Obras sobre o Castrelo de Laxe: Posta en valor ou descontextualización patrimonial?

Obras sobre o Castrelo de Laxe: Posta en valor ou descontextualización patrimonial?
Vista do camino ao Castro Castrelo de Laxe-Foto-Arqueoloxia Noroeste

O pasado mes de novembro comezaban as obras do chamado castro de Castrelo, o castro tapado de Laxe. Son varios os colectivos que levan tempo intentando paralizar, ou alomenos, saber, como van as obras de Acondicionamento da Estrada AC-433 Ponte do Porto – Laxe. Unha delas é Contramínate Laxe, que esta semana vén de entrevistarse coa consellería de Medio Ambiente e Infraestructuras, e hoxe nos contan como foi.

O grupo solicitou a reunión debido a que non se fixo pública ningunha información, e o obxectivo era claro: saber as posibles afeccións que suporá a nova estrada para o xacemento arqueolóxico de Castrelo e as necesidades que se aducen por parte da Xunta para xustificar esta nova infraestrutura.

Denuncian dende Contramínate que “a Consellería non nos permitiu acceso ao proxecto en formato dixital, nin a oportunidade de fotografar nada do voluminoso manuscrito presentado ante nós”. Así que tiveron que marchar cun par de folios do estudio fotocopiados, Iso si, escolleron o apartado que lles pareceu máis polémico, o referido as características do paso da estrada sobre o xacemento de Castrelo, que “a modo de escarnio se nos entregou incompleto, unha mostra máis da magnanimidade e transparencia da Xunta de Galicia e a súa ponderable actitude cara a sociedade”, denuncian.

Curiosa disxuntiva se prantexa ante o que uns, Contramínate, consideran “falta de transparencia” e outros, a Xunta, din que o fan para “facilitar a exposición pública dos restos arqueolóxicos escavados”.

Posta en valor do patrimonio arqueolóxico excavado?

Segundo o grupo laxense, o proxecto de acondicionamento e “exposición”, “en realidade trátase de encaixar parte do camiño empedrado de acceso ao castro baixo unha ponte, que máis ben semella un túnel de formigón, con 10m de luz e unha altura irregular en torno aos 2m, que soamente poderá ser visitado se hai algún afeccionado a espeleoloxía”. Sinalan que o proxecto tamén “contempla a construción dun terraplén cara o Norte da ponte, que afectará a unha zona especialmente sensible dende o punto de vista arqueolóxico superpoñéndose a un tramo importante do camiño monumental”. E para rematar esta “exemplar” posta en valor do patrimonio, “levantarán unha pasarela de madeira na cara leste da estrada sobre a área escavada, para así poder visualizar a entrada ao castro”, sinala o grupo.

PLANO ESTRADA CASTRELO en Laxe

Como se pode intuír na fotografía aérea, consideran que a obra poderá ser un exemplo da ”descontextualización patrimonial”. Por iso, dende Contramínate reiteran a súa “repulsa a este tipo de infraestruturas, que só responden a intereses particulares de enriquecemento a costa da destrución do noso territorio, con custos económicos (máis de 3,5 millóns de euros), ambientais, paisaxísticos e neste caso culturais inaceptables, e avogamos pola paralización inmediata das obras e a restauración das desfeitas cometidas”.

Novas relacionadas

Fonte

  • Contramínate Laxe.

Comentarios