Sábado. 04.05.2024
El tiempo

Ondada de desafiuzamentos en Cee

Ondada de desafiuzamentos en Cee

Parece que a problemática dos desafiuzamentos non é cousa só das grandes cidades do país. Vimos de ter constancia de que xa son varias as familias afectadas na Costa da Morte, e algúns casos tremendamente preocupantes, que deixan a familias enteiras ao borde da pobreza máis extrema. I é ata o de agora as hipotecas estaban sendo pagadas con aforros, con axudas familiares... pero o paro continuado fai imposibles estas solucións temporais e a realidade é que son cada día máis os casos que están estoupando.

Hai casos que sen ser tan extremos, son chamativos. Falamos por exemplo dunha señora que pedira un crédito sobre a hipoteca da súa casa ao quedar sen traballo. Agora, con 2 créditos enriba, ten que afrontar unha débeda de 150.00€ despois de ter abonado case outro tanto. O caso é que a casa vale 208.000€ pero ao non haber subasta, o banco só paga ata o 60% de xeito que a devolición do piso, non ll e chegará para facer efectiva a dación en pago. "Haberá que intentar atrasala orde", apunta Iván Louzán, da Plataforma Stop Desahucios da Coruña.

I é que segundo nos conta, 4 familias de Cee e Laxe xa se puxeron en contacto coa Plataforma a través do “Convenio de Colaboración sobre a detección de supostos de vulnerabilidade con ocasión do lanzamento de vivenda familiar e medidas de carácter local” que vén de asinar o Concello co Consello Xeral do Poder Xudicial, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Así, os traballores sociais do concello ceense parece que están a implicarse coa situación destas familias desamparadas. Pero hai máis, segundo nos conta:

Ivan Louzan nunha das suas visitas a Costa da Morte
  • QPC: Cantas familias credes que pode haber afectadas en toda a Costa da Morte?

- Iván Louzán: O número de casos estanse disparando. Dende os Servizos Sociais de Cee xa nos enviaron 4 casos pero sabemos que teñen bastantes máis pendentes, e só de Cee e Laxe, que son cos que temos contactos. Hai moita máis xente afectada na zona.


  • QPC: Cres que vai empeorar?

- Iván Louzán: Dende logo. Polo que estamos vendo é que a xente puido estar pagando as súas hipotecas polos aforros ou pola familia, pero o paro continúa e xa non poden facer fronte ás débedas. Moita xente vai estoupar de aquí en diante, esto case é que nin empezou, ese é o problema. Algún xa está denunciado, outros están apunto de comezar a denuncia, porque teñen que pasar 6 cotas da hipoteca sen pagar para que o banco poida denunciar.
Ese proceso xudicial, pode durar de 6 meses a varios anos e van empezar a aparecer casos e casos.


  • QPC: E estanse tomando algunha medida efectiva dende as administracións ante tanta presión social?

- Iván Louzán: As medidas estatal non están servindo para moito. As instancias europeas levan dicindo tempo que a nosa lei é inxusta e non defende aos consumidores e o goberno o único que fixo foi destrozar a Iniciativa Lexislativa Popular que levou ao Parlamento a Plataforma de Afectados pola Hipoteca, que apenas tiña 3 principios básicos, un consenso de mínimos que foi rexeitado totalmente polo goberno.

Ademais a moratoria non arranxa nada, pois podes deixar de pagar durante uns meses pero os intereses non paran polo que a débeda segue crecendo.

A posibilidade aberta en Andalucía é unha posible solución, pero de mínimos, que non solventa o problema xa que ao final fai que o afectado poida pagar menos, un aluguer social, pero a costa de perder a propiedade da vivenda. Consegue que a familia poida seguir na casa, pero na casa que xa é a do seu banco, despois de estar pagando durante anos unha boa hipoteca.


  • QPC: E teñen solución? Vemos que dación en pago non é sequera posible nalgún destes casos?

- Iván Louzán: Na maioría deles é moi complicado conseguir unha dación en pago, porque a vivenda baixou moitisimo e o valor actual da vivenda é moi inferior ao da hipoteca. Ademais todo o que levas pagado non se amortiza, pois nunha hipoteca media a 40 anos o que estás pagando os primeiros anos son puramente intereses, polo que a débeda non diminúe. É dicir, levas anos pabado, pero a débeda non baixa.

Ademais, nestas zonas rurais ao banco non lle interesa recuperar o piso. Nalgunhas cidades si, pero nas pequenas vilas sobran pisos e son máis difíciles de colocar.


  • QPC: Que procedementos deben tomar outros veciños que se vexan afectados?

- Iván Louzán: O primeiro é ir aos servizos sociais e pedir a mediación a través do Concello. O importante é ver cal é a situación e saber a gavidade real da túa situación. Ademais, como moitas veces son familias con paro, ademais lles poden tramitar unha risca ou outro tipo de axuda.

Dende os Servizos Sociais Municipais estánnos, como dicimos casos a Stop Desaucios Coruña. E sabemos tamén que organizacións como Cáritas están pagando algún mes da hipoteca, pero esa axuda só pode tomarse un parche ao problema pois non poden pagar máis dun mes ou dous.


  • QPC: E paralelamente, vese moito movemento social na Coruña nos últimos tempos, non si? Un pouco todo isto é herencia do 15M?

- Iván Louzán: Hai que diferenciar a Plataforma de Afectados pola Hipoteca, que era antes que xa existía antes do 15M. E cando se desactivou a Acampada Coruña do 15M moitos nos metimos, a raíz da necesidade real que había, neste movemento contra os abusos hipotecarios.

Agora en Coruña a verdade é que a cousa está complexa. Tivemos unha repercusión mediática na cidade co caso de Aurelia, pero a verdade é que xa non damos a basto, estamos desbordados de casos en todas as Plataformas de Galicia. Na Coruña, por exemplo, temos agora 12 procesos pendentes de execucións nas nosas mans, e xa non nos dá o tempo.


Dende QPC intentamos falar con varias destas familias pero a realidade das pequenas vilas da Galicia fan que estas cousas prefiran quedar para dentro. Entendemos a súa postura pero a información que lle poden facer chegar a outras familias afectadas podería ser máis importante.

En todo caso, podedes poñervos cos Servizos Sociais do voso Concello para intentar atopar posibles solución, ademais de falar coa Plataforma Stop Desahucios da Coruña enviando un correo a [email protected].

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios