Martes. 30.04.2024
El tiempo

Os alumnos de Laxe aprenden a convivir coa diversidade

Os alumnos de Laxe aprenden a convivir coa diversidade
Xogo a corda entre usuarios de Integro e alumnos de Laxe

Sempre é positivo achegar a diversidade á escola. E así son conscientes na Asociación Íntegro que saben que unir aos seus usuarios cos alumnos dos centros de ensino só pode traer cousas positiva. Se hai unhas semanas a actividade foi no colexio de Cabana, onte, a intervención foi no CPI Cabo da Area de Laxe, onde os alumnos aprendenron a convivir con normalidade coa diversidade funcional.

A actividade desenvolveuse en dous tempos. Despois de presentar a Asociación aos poucos alumnos que aínda non a coñecían, proxectouse unha curta que ofrece unha visión de como cambiou ó longo da historia a visión das persoas con diversidade funcional e do valor que aportan á sociedade, de como o colectivo se foi asociando para reivindicar os seus dereitos e para loitar pola súa inclusión plena na sociedade. A partir de aí, alumnos e usuarios tomaron a palabra cun debate para clarexar o maior número de dúbidas en torno a diversidade funcional.

Nun segundo momento a actividade convertiuse en algo máis físico, máis real, máis auténtico. Os alumnos puideron comprobar en primeira persoa do que supón ter unha diversidade: déficit visual, mobilidade reducida, etc., na vida diaria tomando como exemplo o acceso á escola, deambular polo edificio ou practicar algún tipo de actividade física. Con este segundo momento búscase unha maior empatía cara a diversidade e a comprensión do necesario que é eliminar todas as barreiras, sociais, físicas e mentais que impiden a plena inclusión social das persoas con diversidade funcional. E abofé que o conseguen facendo recapacitar aos alumnos e facéndolles ver a normalidade, e a complexidade de vivir así.

Con este tipo de actividades, a Asociación INTEGRO loita pola inclusión social das persoas con diversidade funcional a través do traballo coa escola, traballase para romper estereotipos e aclarar todas as dúbidas que as rapazas e rapaces poidan expresar de xeito que, a medida que a sociedade avanza, tamén avance a consecución de dereitos e da plena cidadanía das persoas con diversidade funcional.

Novas relacionadas

Comentarios