Martes. 30.04.2024
El tiempo

Un manifesto Íntegro polo Día da Muller

Un manifesto Íntegro polo Día da Muller
Mesa Redonda en Integro polo Dia da Muller

No marco dun completo día arredor da Muller, os usuarios de Íntegro veñen de redactar un Manifesto co gallo precisamente do Día da Muller. Tras unha completa mesa redonda, asinaron unhas conclusións a modo de manifesto, que procederán a ler na piscina de Cabana esta mañá de 8 de marzo, durante a inauguración dunha exposición.

Pero imos repasando as conclusións ás que foron chegando os usuarios, que non teñen perda.

Mesa redonda e conclusións

Dentro do II Plan Estratéxico da Asociación INTEGRO, os usuarios realizaron este xoves unha unha mesa redonda sobre A Muller, a Diversidade Funcional e o Traballo.
Na mesa participaron tres mulleres que expuxeron a súa traxectoria vital, as súas dificultades para o acceso á educación e o mundo laboral e os seus éxitos e fracasos, as tres atópanse en diferentes momentos da súa vida: Dorinda Mato Fraga, usuaria do Centro de Día de INTEGRO, atópase en situación de desemprego, Carmen García Martínez, é unha empresaria xa xubilada (Almacenes Arjomil – Nantón, Cabana de Bergantiños) e Ana Isabel Castiñeira Romero, é traballadora con diversidade funcional e actual secretaria da Asociación INTEGRO.

As tres estaban acompañadas por Miguel Bardanca Mato, usuario do Centro Ocupacional de INTEGRO ó que se lle solicitou unha intervención nesta mesa de mulleres para que aportara a súa visión sobre as dificultades do acceso o mercado laboral dun home con diversidade funcional e que fixera unha reflexión sobre o incremento desas dificultades cando a candidata a un posto laboral é unha muller con diversidade funcional.

Como conclusións desta mesa redonda extraese que as mulleres participantes na mesa en maior ou menor medida accederon a unha educación básica, pero que non todas elas debido a súas diversidades puideron completala como desexarían por consecuencia de falta de información, pola falta de recursos da familia ou polas dificultades inherentes a vivir nun entorno rural disperso no que as comunicacións e os transportes adaptados son inexistentes.

Con todas as dificultades estas mulleres conseguiron cumprir a maioría das súas expectativas e avogaron pola coeducación para as seus fillas e fillos. Participan activamente nas reivindicacións que esixen a inclusión social de todas as persoas coas súas diferenzas, proclaman a necesidade de vivir experiencias persoais autónomas que permitan superar os medos que teñen e insisten na educación, na formación como medio de inclusión e de liberación a través da cal derrubar os estereotipos que acompañan a diversidade funcional.

Manifesto Íntegro polo Día da Muller

  • O dereito á vida normalizada e á plena inclusión das persoas con diversidade funcional na sociedade.
  • A defensa e cumprimento da lei de igualdade no que se refire as medidas que favorezan o emprego e a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a equiparación de soldos e o fomento de medidas sociais que faciliten a conciliación laboral e familiar para as mulleres con diversidade funcional.
  • Esiximos o respeto que merecemos como parte activa da sociedade que somos.
  • Non queremos sobreprotección familiar, queremos mais recursos para poder decidir autónomamente o noso destino.
  • Queremos decidir sobre a nosa propia vida.
  • Non queremos outros 104 anos de loita polos dereitos da muller traballadora, non queremos outro día internacional da muller traballadora, queremos que todos os días sexan ese día e que se recoñeza o valor das mulleres con diversidade funcional.
  • Esiximos o noso dereito a información e unha maior visibilidade das mulleres con diversidade funcional na sociedade e no mundo laboral.
  • Esiximos a accesibilidade ó traballo e a eliminación das barreiras arquitectónicas, sociais e mentais que dificultan o acceso o mercado laboral da muller con diversidade funcional.
  • Dende INTEGRO demandamos o pleno cumprimento da Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con discapacidade e así como todas aquelas leis estatais e autonómicas e os plans de igualdade que garanten e equiparan en dereitos a mulleres e homes.
  • Esiximos que se poñan en marcha os mecanismos necesarios para acadar a plena igualdade de oportunidades.
  • Rexeitamos calquera tipo de violencia, contra todas as persoas, e esiximos a adopción de todas as medidas necesarias para erradicar a violencia e os abusos que se da na sociedade.
  • Sexamos todas e todos conscientes das nosas diversidades.

Novas relacionadas

Fonte

  • Íntegro.

Comentarios