O PP saca peito da xestión do Plan dos penedos de Traba e Pasarela

Os deputados do Grupo Popular Paula Mouzo Mas e Roberto Rodríguez visitaron esta fin de semana os penedos de Traba e Pasarela, para salientar o impulso que suporá para o turismo natural da comarca de Terra de Soneira-Costa da Morte a execución do Plan de xestión desta paisaxe protexida que está a levar adiante a Xunta e no que está previsto investir arredor de 600.000 euros nos vindeiros 10 anos.
Os populares lembraron que se trata do primeiro plan de xestión aprobado especificamente para unha paisaxe protexida en Galicia, que está estruturado en catro eixes fundamentais: conservación do patrimonio natural, cultural e inmaterial; xestión sustentable e control dos usos; investigación e educación ambiental; e promoción turística responsable.
Actuacións
Entre as actuacións previstas pola Xunta para desenvolver neste espazo protexido figuran a renaturalización dos espazos, coa replantación con especies autóctonas, eliminación de eucaliptos e especies exóticas invasoras; a mellora de rutas e a súa sinalización; a habilitación de aparcadoiros e miradoiros para os visitantes; a elaboración de inventarios e estudos sobre a historia deste espazo e o seu valor arqueolóxico; a creación de material didáctico; e as correspondentes tarefas de mantemento para o control de verteduras e a regulación de usos tradicionais compatibles co espazo.