Xoves. 24.10.2019
El tiempo

Turismo Laxe propón unha Primavera Científica e Cultural co Fondo Vidal como protagonista

Turismo Laxe propón unha Primavera Científica e Cultural co Fondo Vidal como protagonista

Despois dun primeiro trimestre gastronómico, o programa de desestacionalización reLAXEse, que conta co apoio da Deputación, chega neste abril baixo o prisma da ciencia e a cultura. A “Primavera Científica e Cultural” da Concellería de Comercio, Hostalería e Turismo de Laxe focalizará durante o segundo semestre do curso as súas actividades en dous focos: a promoción do Arquivo Fotográfico Vidal, e a participación en ferias turísticas.

Unha Semana Santa co Fondo Vidal

O Arquivo Fotográfico Vidal é o único Arquivo Fotográfico de toda Galicia en vías resolutivas de ser declarado como Ben de Interese Cultural de Galicia. É ademais todo un espello para que outros concellos da zona, como o de Muxía, se fixe de cara a recuperar o legado de Ramón Caamaño.

Para festexalo a Concellería de Turismo decidiu crear unha exposición fotográfica cunha escolma focalizada por temáticas en vilas, sociedade, infancia, traballos, festas, mar, romerías e deportes. O sábado 13 de abril ás 18.00 horas no Museo do Mar terá lugar así a inauguración da exposición fotográfica “José Vidal, unha vida decicada á fotografía” e taller práctico de cámara minuteira, toda unha experiencia cultural e sensorial única, que permitirá viaxar no tempo.

A exposición do Arquivo Vidal, composta por un total de 75 cadros, será visitable no Museo do Mar toda a Semana Santa de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. Despois do verán abrirase a solicitude de préstamo a museos e entidades interesadas en estudar e divulgar a memoria histórica de Bergantiños e Soneira a través deste legado fotográfico.

Ademais, durante a Semana Santa escolar, os días luns 15, martes 16 e mércores 17 de abril de 11.00 a 14.00 no Museo do Mar, desenvolveranse talleres infantís de fotografía. Estes talleres están abertos a nenos e nenas entre os 5 e os 11 anos de idade. As prazas son limitadas e para participar hai que inscribirse previamente nas oficinas de turismo situadas no 2º andar da Casa do Concello de luns a venres de 9.00 a 13.30 horas. Prioridade para nenos e nenas empadroados neste Concello.

Tamén haberá visitas teatralizadas no Museo do Mar os días xoves 18, venres 19 e sábado 20 de abril ás 12.00. Pepe Penabade vestirase de Vida para expoñer a súa vida e obra.

Haberá tempo para as conferencias, da man de Carlos Castelao e Xan Fernández Carrera baixo o título “Os pioneiros da Fotografía en Galicia”.. A cita o venres 26 de abril ás 20.00 horas no Museo do Mar.

Outro Vidal para o Arquivo

O Concello vai presentar ademais, o venres 10 de maio, ás 20:00h, o Arquivo Fotográfico José María Vidal Eiroa, o último representante da saga dos fotógrafos Vidal de Laxe.

Promoción en Feiras

Outra parte fundamental dentro da programación deste segundo trimestre, céntrase na asistencia a feiras sectorais nas que proxectaremos a imaxe de Laxe en calidade de Municipio Turístico Galego. Do extenso calendario e repertorio de feiras, as citas seleccionadas foron as seguintes:

  • Do 2 ó 5 de maio, Feira Ibérica de Turismo de Guarda (Portugal)
  • Do 6 ó 8 de xuño, Feiras de Festas de Interese Turístico “Festur” en Silleda (Pontevedra).
  • Do 14 ó 16 de xuño, Feira Náutica de Camariñas (FENAUCAM).

 

Novas relacionadas

Comentarios