Na casa de Ramón Caamaño

- Quen asume a necesaria responsabilidade de recuperar o fondo de Ramón Caamaño?.
- Viki Rivadulla: “O legado de Caamaño ten o problema da necesidade de cartos que conleva recuperar todo iso”.
- Xan Fdez. Carrera: “A historia da Costa da Morte do século XX resultaría moi difícil de escribir sen consultar a obra de Ramón Caamaño e José Vidal”.
- Manuel Vilar: Visibilizar o fondo fotográfico de Ramón Caamaño. A fotografía como documento e patrimonio cultural.

Despois de ler a Xan Fernández Carrera e mais a Manuel Vilar só podemos refrendarnos na necesidade de as administracións tomen en serio a recuperación do legado fotográfico-histórico de Ramón Caamaño.
Máis o cremos despois da última visita á Casa-Museo que coida o seu xenro, Chete Pose, na rúa do Matadoiro de Muxía. Unha visita que podemos facer gracias á nosa relación co propio Chete, que mantén vivo o museo, pero que non pode mantelo aberto ao público.
Un museo que conta con case 4.000 fotos expostas e identificadas, despois dun longo traballo que realizaron na década dos 90 xenro e sogro, man a man. Era precisamente Chete o que lle obrigou a apuntar nunha libreta todos eses datos que recollían de cada carrete nos clichés, onde Caamaño rexistraba a necesaria información das imaxes para escribir a historia da Costa da Morte. Uns clichés difíciles de transcribir a día de hoxe (a letra de Caamaño non era a máis perfecta), pero que son tan importantes como as propias fotos.
Chete contounos unha marea de historias deste fotógrafo muxián que sacou a súa primeira instatánea en 1924, e que non deixou de sacar a cámara por aí ata ben entrada a década dos 90.
Entre os tesouros que aínda garda o museo, están tamén as cartas que Caamaño lle enviaba á súa querida Teresita dende Porto do Son. Cartas con algo de amor pero sobre todo moita historia.
A casa-museo acolle tamén unha singular exposición das cámaras de foto, e vídeo (foi a persoa que trouxo o cine á Costa da Morte), de Caamaño. “A vest pocket é a que máis cariño lle tiña”, contounos Chete. “Foi a que levou á Guerra Civil, e case o meten preso”.
O noso David Lourido, de Arela Comunicación Sostible, aproveitou a visita para facer esta fermosa peza audiovisual.
Novas relacionadas
“Quen asume a necesaria responsabilidade de recuperar o fondo de Ramón Caamaño?” — Que pasa na costa- Viki Rivadulla: “O legado de Caamaño ten o problema da necesidade de cartos que conleva recuperar todo iso”.
- Xan Fdez. Carrera: “A historia da Costa da Morte do século XX resultaría moi difícil de escribir sen consultar a obra de Ramón Caamaño e José Vidal”.
- Manuel Vilar: Visibilizar o fondo fotográfico de Ramón Caamaño. A fotografía como documento e patrimonio cultural.