xoves. 14.11.2024
El tiempo

A Parroquia de Cerqueda celebrou 35 anos de fusión cultural tradicional

A Parroquia de Cerqueda celebrou 35 anos de fusión cultural tradicional
Toda a familia da Raiganas de Cerqueda na Gala dos 35 anos

É Cerqueda unha parroquia singular. A tradición cultural mestúrase coa vida cotiá, coa arqueoloxía, e mesmo co deporte, como pronto descubriremos porque se non se unen, como din os vellos, “morremos á miñoca”. Pero é que xa son moitos anos creando escola tradicional, facendo da nosa cultura un tesouro. 35 anos cumple este ano a Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda, e a súa celebración foi todo un exemplo do ben que traballan ca canteira.

Ata 60 persoas subiron ao escenario dun Centro Cívico de Malpica ateigado, con grupos actuais e outros formados por xente que pasou pola familia da Raigañas anteriormente. Nenos de 5 anos ata un Miguel de Cances, que pasa por ser o máis veterano aos seus 55 anos. 3 horas de Gala, e a xente saíu encantada, pois foi moi amena a pesar de ser tan longa. A clave é que houbo de todo, cambiando de terzo, pasando do meramente tradicional, ao teatro, a outra pata cultural que houbo durante anos en Cerqueda, e que tamén tivo protagonismo na cita. Boten un ollo ao Facebook da Raigañas para ver a cantidade de actuacións de Música tradicional (baile e pandeireta), a semente da asociación, pero facendo unha fusión co teatro. Divertidas foron os “esqueches” teatrais en clave de humor representados por xente que pasou pola sección teatreira cerquedá, con textos de Josecho Pallas, de Fol Veneno, baseados en como a mocidade vivía daquela hai 35 anos, e dirixidos por Manuel de Arteixo, que foi profe de teatro no seu tempo.

Serviron para romper o xeo e facer máis amena a Gala as fotos antigas que se proxectaron. Moitos viron aos seus familiares aló polos anos 80 provocando varias bágoas. Foi un auténtico puntazo un vídeo da Recollida da Ribeirana, vendo a recollida aló polo ano 89, con Quique Peón.

35 anos da Gala da Raiganas O baile e o santo e sena da Raiganas

Co tema do baile e das pandereteiras, a idea da Raigañas era recuperar aqueles bailes máis representantivos daqueles tempos. O colofón final foi a punteada e a jota bailada por xente de hai moitos anos, xa “xubilados”, facendo precisamente a Ribeirada de Cerqueda, para dar paso a 6 nenos pequenos que bailaron a Ribeirana nun dos momentos máis emocionantes da Gala.

Non poderán esquecer tampouco a xuntanza de todos os presidentes da entidade (José Luís Fernández, José Ramón Garrido, Javier Couto, Sonia Reigía e as actuais Mar da Bouzas e Begoña do Manso, como rezan os seus nomes no cedé da Raigañas), que ata o sábado nunca se xuntaran en riba do escenario. As dúas últimas Mar e Bego, valoran a Gala como un verdadeiro éxito, e como un punto de inflexión para esta singular entidade, que rematou a festa cunha pequena cea-foliada de confraternización, mesmo co resto das entidades da parroquia, dando un exemplo do camiño que ten que tomar o tecido asociativo do rural galego.


Novas relacionadas

Fonte

Comentarios