Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Os veciños de Cerqueda, os protagonistas da recuperación da Croa do Castro

Os veciños de Cerqueda, os protagonistas da recuperación da Croa do Castro
A Croa do Castro de Cerqueda

Como nos prestan estes proxectos de arqueoloxía social. Que sexan os veciños o motor da recuperación dun ben patrimonial só nos pode encher de orgullo. I é que na Costa da Morte somos vangarda na materia, e exportamos exemplos a toda Galicia como as Croas de Niñóns de Ponteceso, o Castro de Mallou de Lira ou a Torre dos Mouros de Carnota.

E mentres, xa está collendo ritmo, en marcha dende hai dous anos, outro proxecto semellante: a Croa do Castro de Cerqueda. Un proxecto que recuperará parte da historia malpicá, a da arqueoloxía oleira.

O proxecto arrinca a súa andadura coa gravación dun vídeo promocional que recollerá numerosos testemuños, cox veciños como protagonistas. E ao mando estará un dos grandes culpables da revolución social da arqueoloxía, o profesor da USC Manuel Gago, un xornalista divulgador con alma de arqueólogo.

Gago, responsable de comunicación do proxecto Croa do Castro, desprazarase o sábado 14 pola mañá á parroquia de Cerqueda para recoller imaxes e declaracións de distintos veciños coas que elaborará un vídeo promocional deste castro no que se realizará unha campaña de desbroce con voluntariado.

Este profesor da Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago escolleu para entrevistar a unha ducia de persoas que pertencen, entre outros ámbitos, á corporación municipal ou a asociacións da parroquia. Do goberno municipal entrevistará ó alcalde, Eduardo Parga Veiga. Dos distintos colectivos de Cerqueda participarán Manuel Chouciño Garrido, presidente da Asociación de Veciños Monte d’Arxa; María Begoña Gómez Otero, presidenta da Asociación Cultural Raigañas; José María Añón Expósito, presidente da Asociación Cabalar Os Veteranos; e José Manuel Blanco Pose, presidente da Comisión de Festas.

Pero Gago tamén lle abrirá as cámaras a outras persoas vinculadas á parroquia. Entre os maiores con coñecementos de lendas sobre a Croa intervirán Josefina Suárez García, veciña da aldea do Ceán, e Estrella Castro Montáns, veciña de Aldeola. Como representantes das novas xeracións de cerquedáns, colaborarán os adolescentes Javier Auñón, vinculado ó colectivo cabalar Os Veteranos, e a Ana Pose Varela de Ardeleiro.

Por último, completarán o elenco de entrevistados Xabier Couto Castro, dinamizador turístico do concello de Ponteceso, que é natural do lugar de Leduzo; Víctor Suárez González, propietario da horta ecolóxica Croa do Castro, e Xosé Manuel Varela Varela, coñecedor do patrimonio cultural da parroquia de Cerqueda.

Este vídeo será colgado na web da Croa do Castro que se abrirá ó público en próximas semanas. A súa función será a de servir de reclamo para que os usuarios, tanto locais como foráneos, das novas tecnoloxías coñezan un recurso turístico que merecerá a pena ser visitado.

O éxito do nome deste castro

O apelativo deste castro está tendo éxito entre distintas empresas e un colectivo ciclista. O agricultor Víctor Suárez bautizou a súa horta ecolóxica co nome Croa do Castro. Estes días, Susana Suárez González abriu no centro de Carballo unha tenda ecolóxica co mesmo apelativo. Por outra banda, un grupo de ciclistas afeccionados do concello de Malpica de Bergantiños chámase Castro da Croa. Estas tres entidades utilizan tamén como logotipo a silueta deste recinto castrexo.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios