A UD Cerqueda fan de Reis para os máis necesitados


Nova demostración de solidariedade da familia da UD Cerqueda, que cada ano, por estas datas, fai a súa aportación para que esta sociedade sexa máis xusta. O club de fútbol, sempre implicado en causas solidarias, contribuíu a que o Nadal chegase aos fogares máis modestos do noso concello, xa que coa recadación do Trofeo Solidario Os Petóns mercou alimentos non perecedoiros e xoguetes para as familias usuarias do banco de alimentos. Arroz, pasta, salsa de tomate, leite, cacao en polvo, azucre, aceite e conservas formaron parte do paquete de alimentos do Nadal xunto con outros produtos de primeira necesidade, e os/as peques recibiron tamén os seus agasallos: mochilas con rodas, escavadora, un maletín de pinturas, libros... E todo grazas á xenerosidade da UD Cerqueda e do público que asistiu ao campo. O alcalde, Eduardo Parga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, agradeceron unha vez máis a solidariedade da UD Cerqueda, que estivo representada polo seu capitán, Daniel Reixía.