Martes. 30.04.2024
El tiempo

“Wave Day”, a app nada en Malpica para ver as mellores ondas de surf do mundo enteiro

wave-day-app-de-surf
“Wave Day”, a app nada en Malpica para ver as mellores ondas de surf do mundo enteiro

Michel Odreman é profesional das APP e o mundo web, afincado en Malpica dende hai un par de anos. Dende a súa chegada á vila bergantiñá convertiuse nun amante do surf, pero decatouse de que facía falta unha apllicación para saber se é bo momento para sacar a táboa.

Así se lle ocorreu a Odreman facer a aplicación “Wave Day”, que serve para predicir o estado das ondas, da comarca, pero tamén de lugares como Indonesia, Brasil ou Australia. Conta coa colaboración activa de surfistas experimentados e cunha visión centrada nos surfistas de todos os niveis.

O obxectivo é que todos os navegantes, desde novatos ata profesionais, poidan acceder a aspectos técnicos fundamentais, como altura da onda, período, enerxía, mareas, dirección das ondas e do vento, entre outros, convertindo a app nunha ferramenta imprescindible para os surfeiros de todo o mundo.

A aplicación non só ofrece unha previsión de ondas de sete días (na súa versión de subscrición), senón que vai máis aló coa innovadora función "Surflog". Cun botón sinxelo, os usuarios poden capturar os momentos máis destacados das súas sesións, gardando as condicións do mar por hora no seu perfil e personalizando de forma única a súa experiencia de navegación coa posibilidade de engadir notas persoais.

Ademais, "Wave Day" permite aos usuarios engadir os seus lugares de surf favoritos en todo o mundo. Cada praia ten un mapa para facilitar o coñecemento de como afectan as condicións do mar e do tempo á praia concreta.

Na primeira fase "Wave Day" está dispoñible para os usuarios de dispositivos Apple, pero moi pronto tamén estará dispoñible na Google Play Store. "Wave Day" é gratuíto para descargar e rexistrarse, o que dá aos usuarios acceso a unha previsión de tres días e a posibilidade de engadir sesións ao Surflog durante un período dunha semana na súa versión básica. Os que buscan levar a súa experiencia ao seguinte nivel poden optar por subscribirse mensualmente ou anualmente, gozando de máis días de previsión e datos ilimitados para o "Surflog”.

Comentarios