martes. 03.02.2026
El tiempo

O BNG tamén exixe responsabilidades á Xunta ante o “desastre natural advertido” en Monte Neme

BNG Golpe Insua e Miguel no MOnte Neme
A zona afectada foi visitada este luns 2 de febreiro polos deputados nacionalistas Xosé Manuel Golpe, e Oscar Insua, que estiveron acompañados polo portavoz municipal do BNG Malpica, Miguel Varela.
O BNG tamén exixe responsabilidades á Xunta ante o “desastre natural advertido” en Monte Neme

Seguen caendo reaccións á nova desfeita no Monte Neme. Desta volta é o BNG o que esixe responsabilidades á Xunta. Os nacionalistas subliñaron que o perigo xa foi advertido ao Goberno galego en 2013 por parte do Concello de Carballo, “sinalando a posibilidade do desborde, e de feito ao ano seguinte, en 2014, pasou o que xa se sabía que ía pasar”.

Ademais, o deputado Oscar Insua destacou que “tamén sabían que había unha galería onde estaban embalsando a auga, porque fora advertida polo Concello de Carballo, e foi por onde rebentou o sábado; non sei que escusas porán, pero a Xunta estaba informada, por iso imos exixir responsabilidades políticas, porque levamos doce anos esperando a que o goberno galego resolva isto, e cando comezan hai unhas semanas, fano tarde e mal”.

Os representantes sinalaron que unha veciña avisou ao 112 ás 3 da madrugada desde o lugar do suceso, e desde Emerxencias non deron aviso ás autoridades locais ata seis horas despois, ás 9 da mañá. “Como é posible que a Xunta non avisara ás autoridades locais ata pasadas seis horas desde o aviso da veciña? e que tampouco fixera nada ata ese momento”, advertiu Oscar Insua,. “A sorte foi que non houbo danos persoais, senón non habería ninguén para auxilialos ata seis horas despois, o que é un auténtico despropósito”.

Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG Malpica, Miguel Varela, manifestou que “hai que denunciar o desleixo do Goberno galego neste tema, logo de estar de sobra advertidos”. A formación nacionalista indicou que Varela estivo na zona do suceso durante toda a xornada do sábado 31 de xaneiro, para manterse informado e dar traslado á veciñanza de Malpica de calquera advertencia de seguridade ante o acontecido.
 

Comentarios