Buño rescatou a súa Cocedura tradicional e abriuna á veciñanza

Cocedura tradicional da Oleria de Buno 3
Buño rescatou a súa Cocedura tradicional e abriuna á veciñanza
Paralizada pola pandemia con máis de 20 anos de historia, a Asociación de Olería de Buño rescatou esta fin de semana a Cocedura Tradicional (chamouna a I Cocedura Tradicional Aberta de Buño) e a Festa da Carroa, coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia, o Concello de Malpica de Bergantiños e a Deputación da Coruña. Unha cita histótica do centro de olería tradicional máis activo de Galicia. 

A cocedura permitiu abrir o singular forno a diferentes profesionais e afeccionados á cerámica para que poidan levar as súas propias pezas a cocer neste forno do século XIII, co método tradicional. Deste xeito, inicíase unha nova etapa de achegamento da cultura, das formas e das técnicas de Buño a unha comunidade crecente de ceramistas e oleiros. 

A xornada de onte estivo marcada pola carga de pezas no forno, o prendido e a cocedura, así como pola Festa da Carroa, que tivo lugar a partir das 21,00 h. con música e gastronomía, recuperando así tamén a festa coa que se celebraba o bo resultado despois da cocedura. Xa o domingo tocou abrir o forno e de recoller as pezas.   

Cocedura tradicional da Oleria de Buno 4 Forno do Forte

Cocedura tradicional da Oleria de Buno 2

Remuda xeracional

Dende o ano 2023, as técnicas e as formas da olería tradicional de Buño constitúen un dos focos do Aprender da tradición, un proxecto formulado para capacitar os artesáns e expertos en oficios artesanais para que poidan transmitir os seus coñecementos, facilitar a formación de novas xeracións interesadas en aprender estes oficios e técnicas.

Neste tempo, impartíronse en Buño dous cursos de formación —Formas tradicionais da olería de Buño, entre decembro de 2023 e abril de  2024, e Perfeccionamento de técnicas tradicionais da olería de Buño, dende outubro de 2024 a marzo de 2025— e está previsto continuar coa formación especializada nesta olería tradicional. Os cursos estiveron impartidos polo oleiro Antonio Pereria “O Rulo”, artesán con máis de 40 anos de traxectoria que combina as formas tradicionais con esmaltes axustados ás novas tendencias. Nos últimos anos, está a colaborar con prestixiosos cociñeiros, con grandes marcas como Loewe ou Zara Home, e as súas pezas chegan a países como Suíza ou Xapón. Dende o ano 2023 preside a Asociación Olería de Buño e o pasado mes de xuño, foi recoñecido cun dos Premios de Honor da Asociación Española de Ciudades de la Cerámica. 

Cocedura tradicional da Oleria de Buno- O Rulo

Comentarios