Consumado o tripartito de Malpica cunha dedicación exclusiva para cada grupo
A pesar das continuas animadversións, a famosa foto da investidura do alcalde de Malpica Walter Pardo, escoltado polo voceiro do BNG, Dani García Reigía e Alfredo Cañizo (ata aquel día candidato de Ciudadanos e agora membro dos non adscritos), faise real. Nun pleno tremendamente tenso, e ateigado, os tres grupos aprobaron o sistema de organización, e as dedicacións.
Un pleno no que o gran protagonista foi Cañizo polas constantes alusións do grupo do PP, que lle outorgan o papel de alcalde na sombra, ou máis ben á luz do día dada a cantidade de fotos institucionais que xa ten botado neste mes de lexislatura.
Finalmente o alcalde Walter Pardo, percibirá un salario de 38.000 euros brutos ao ano. Ademais, aprobaron tamén dúas dedicacións exclusivas de 36.000€ para a concelleira do BNG Leticia Naya Varela e para Alfredo Cañizo.
A Xunta de Goberno Local estará integrada polo alcalde e os concelleiros e concelleiras María Manuela Álvarez Rey, Tamara Torrado Roel, Daniel García Reigía e Alfredo Cañizo Garrido.
Así mesmo, as delegacións da Alcaldía serán as seguintes:
- Concellería delegada de Cultura, Olería, Igualdade e Patrimonio: Leticia Naya Varela.
- Concellería delegada de Deporte, Mocidade e Novas tecnoloxías: Daniel García Reigía.
- Concellería delegada de Turismo, Seguridade, Tráfico, Servizos e Agro: Alfredo Cañizo Garrido.
- Concellería de Promoción Económica e Benestar: Tamara Torrado Roel.
- Concellería de Medio Ambiente e Educación: María Manuela Álvarez Rey.
- Concellería de Obras e Urbanismo: José Ángel Garrido Suarez.