Venres. 29.03.2024
El tiempo

Dani Calvete: "O que peor levo é o medo a poder infectar á familia. Levo o protocolo ao extremo"

Dani Calvete-Adestrador de Buno en Tordoia
Dani Calvete, adestrador do fútbol costeiro. Foto: DiarioDeportivo
Dani Calvete: "O que peor levo é o medo a poder infectar á familia. Levo o protocolo ao extremo"

Garda Civil, pai de familia e adestrador do Fútbol costeiro. Falamos con Dani Calvete, natural de Buño, sobre como afecta esta corentena nas tres vertentes.

 
  • QPC: Como estades a vivir o estado de alarma?

Dende o 14 de xaneiro estou destinado na Coruña, pero traballo por toda a provincia. O estado de alarma colleunos a todos por sorpresa, pero rapidamente se tomaron as medidas oportunas, traballando en grupos pequenos, evitando estar todos xuntos.

 
  • QPC: Como está ser o comportamento da cidadanía? Se tes que poñer unha porcentaxe de xente que o está facendo ben ben, cal porías?

Ao principio a xente tomouno un pouco a broma, os casos eran poucos, e non estábamos concienciados da gravidade da situación. Segundo foron pasando os días a sociedade mentalizouse e diría que o 99% da xente está cumplindo a perfección.

 
  • QPC: Estades sentido como propios eses aplausos que a cidadanía estamos brindando cada día ás 20:00h? Que vos din por aí os veciños?

Os aplausos sentímolos coma nosos, por suposto. En conxunto con toda a cidadanía, os que traballamos por que nos toca, sanitarios, sector alimentación, servizos públicos... os que traballaron ata hoxe por que os obligaron, os autónomos, os que quedan na casa, sobre todo os nenos... os aplausos son para todos os que o fan ben.

 
  • QPC: Con que problemas vos atopades a diario? Malia ser un asunto moi serio, algunha anécdota singular (algún argumento deses que hai que contar?)

O principio encontrámonos con falta de medios, pero sobre todo desinformación. A verdade é que non tiña moi claro quen podía saír e quen non, porque cada caso é un mundo, pero todas as dúbidas se resolven con sentido común.
Anécdotas hai moitas, pero a que non se me olvidará nunca, unha señora en Cabana, estaba dando un paseo alegando que non sabía que non se podía, e cando a invitamos a que fora para a casa, soltounos "non se pode dar un paseo, facédeslle a vida imposible a xente, pero vós ben que ides dous no coche, que tampouco se pode", demostrando que estaba perfectamente informada.

 
  • QPC: Agora como pai, como levas o de traballar diariamente, en contacto con tanta xente estando exposto ao contaxio, e despois ir para casa coa familia?

Pois quizás eso sexa o que peor levo, o medo a poder infectar á familia. Trato de levar o protocolo ao extremo, e esperando non contaxiarme precisamente para non contaxialas a elas.

 
  • QPC: Como conciliades na casa con dúas criaturas? Que tal o levan?

Conciliamos ben porque a muller é autónoma e non vai traballar desde o primeiro día, daquela esta sempre con elas. Levámolo todo o ben que se pode levar dentro dun piso, dá tempo para todo, ata para enfadarse. Cantamos, bailamos, facemos "deporte", estudiamos, e moita tele e Internet, está última é a gran diferencia ca vida normal.

 
  • QPC: Falando un pouco de Fútbol, malia que quede en segundo plano en todos estes días, estabas facendo unha campaña moi positiva colocando ao Tordoia na 5ª praza da 1ª Galicia. Que tal experiencia?

É a terceira campaña, unha no Buño, e esta a segunda no Tordoia. A campaña está sendo moi boa, a pesar de non ser todo o regulares que quixeramos, todos firmábamos estar así a estas alturas, a seis puntos do líder e sobre todo cunha diferencia importante cos postos de perigo. Quedan moitos puntos en xogo, unha racha boa de resultados pódete levar a loitar por todo, e unha mala a ter que mirar como veñen por abaixo. A igualdade da competición non che permite relaxarte, pero foi unha pena que este parón nos chegara cando estábamos dando a nosa mellor versión.

 
  • QPC: Bótase de menos as ligas da Costa?

Esta 1ª Galicia está moi representada por equipos da Costa, polo que cada poucas semanas, xogas co Soneira, Dumbría, Volantes, Mazaricos, ou Baio, e fai que non aprecies que estás fóra da Costa. Non son os continuos derbis que vives na Liga da Costa, pero é unha competición moi bonita, competitiva, e ben representada polos nosos.

 
  • QPC: Como levan os teus xogadores e ti mesmo o parón?

Levámolo mal, moi mal. Desexando que todo esto acabe, e poder estar todos xuntos en Santaia adestrando, en unión e compromiso somos líderes, e ir competir os domingos poñéndollo difícil aos rivais.  

  • QPC: Que esperas que pase coa competicion cando acabe todo esto?

Eu espero que a competición se reanude. Queixábame ao principio de ano que acababa moi cedo, o 10 de maio ou o 17 de maio no mellor dos casos (estaríamos na final da Copa). E con todo isto igual non temos vacacións, esganchamos unha con outra. No caso de alongarse demasiado, para min o máis xusto sería que a deran por non disputada, xa que queda moito en xogo, pero como iso non me toca decidilo a min, estou tranquilo.

Moito ánimo a todo o mundo que o estea pasando mal nesta situación e Forza Tordoia.

Novas sobre o coronavirus

Comentarios