Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Gran expectación para a presentación de “Misterios e encantos de Bergantiños” na igrexa de Mens

Presentación de Misterios de Bergantiños na igrexa de Santiago de Mens
Gran expectación para a presentación de “Misterios e encantos de Bergantiños” na igrexa de Mens

Pese a ser unha tarde pasada por auga, un importante número de asistentes acudiu á presentación que este sábado tivo lugar na igrexa románica de Santiago de Mens da obra de Juan Félix Neira Pérez: “Misterios e encantos de Bergantiños” (Edicións Embora).

Público achegado desde A Coruña, Arteixo, Carballo, Santa Comba, Malpica, Corme, Ponteceso, Corcoesto e da propia parroquia de Mens non quixo perder esta cita que cobrou interese especial coa visita guiada a cargo do propio autor do libro polo interior do templo. Neste percorrido artístico Neira corrixiu algúns erros interpretativos que hai publicados desta igrexa e salientou aspectos como a presenza dunha inscrición epigráfica dunha tumba do século XI, a existencia da imaxe máis antiga que dun Santiago Apóstolo hai no desaparecido arciprestado de Seaia, a conservación dos restos dun antigo retablo e dunha ara romana na ábsida sur.

A igrexa de Santiago de Mens ten presenza importante nos estudos do crego Rafael Ares y Torres no que se basea o volume que se presentaba nesta cita. Rafael Ares realiza nos seus textos manuscritos unha detallada descrición na que ofrece unha fotografía deste templo a mediados do século XIX. Xunto con esta descrición, Ares y Torres escribe sobre a lenda do Trigal Maldito que refire a presenza dun túnel subterráneo que comunica As Torres de Mens con esta igrexa.

Outras lendas malpicás recollidas por Rafael Ares e compiladas en Misterios e encantos de Bergantiños son a da Pedra do Eirado, coñecida hoxe en día como A Pedra da Vella, sita na ladeira sur do monte de Beo, a da Impía Galilea, que está somerxida nos Baixos de Baldaio fronte á costa da parroquia de Cambre ou a da tumba romana de Guisande, topónimo desaparecido da parroquia de Buño.

Na mesa de presentación Félix Neira estivo acompañado pola arqueóloga e historiadora de Barizo, Ana María Romero Masiá; o alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo José Parga Veiga; e polo director da Colección Costa da Morte, Xosé Manuel Varela Varela.

Comentarios