Venres. 29.03.2024
El tiempo

Hadrián, punta de lanza para unha campaña galega pola atención hospitalaria e domiciliaria

Hadrián, punta de lanza para unha campaña galega pola atención hospitalaria e domiciliaria
Hadrian moi presente na reunion das ANPAS Galegas coa presencia da sua nai Nieves Hadrián estivo moi presente na reunión das ANPAS Galegas que tivo como invitada especial á súa nai Nieves, a cuarta pola esquerda. O pasado venres 16 de outubro tivo lugar en Carballo unha reunión extraordinaria das Anpas Galegas xunto coa comisión de Necesidades Especiais de Apoio Educativo (NEAE) da Federación de Anpas da Costa da Morte. Unha reunión na que estivo presente Nieves, a nai do pequeno malpicán Hadrián, que tanto necesita unha atención educativa a domicilio decente. Unha presenza tremendamente emocional, que serviu para personalizar os problemas polos que loitan estas plataformas de pais e nais. Ademais, as ANPAS recoñecen que "non é moi frecuente ter diante a alguén que estea disposta ao que faga falta polo seu fillo pero que ten moi presente que iso non abonda, que o traballo hai que facelo para todos os que veñan detrás. Hadrían, previsiblemente, axiña terá un futuro de normalidade, pero a súa nai sabe que sementa para que outros colleiten, sen deixar de demandar a propia colleita. Esa é a a visión perfecta para traballar en defensa do alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo, en defensa do Ensino Público. Por todo isto, o caso de Hadrián vai ser o punto de partida para unha campaña de concienciación e reivindicación a nivel galego, dirixida á procura dunha correcta atención hospitalaria e domiciliaria para aqueles nenos e nenas que non poidan asistir a clases por causa dunha longa enfermidade.

Un longo problema

Recordan as ANPAS Galegas que "este é un problema no que comezou a traballar hai xa máis dunha década a Federación Olívica de Anpas, FOANPAS, membro fundador desta Confederación, e que deu lugar a unha normativa que no seu momento fora unha gran conquista social; porén estes últimos anos de recortes contra o ensino público tamén levaron por diante moito do conseguido neste eido e sobre todo arrasaron co máis importante: a conciencia da sociedade de que este era un dereito que podía e debía esixir, con e sen crise". En todo caso, a día de hoxe, recoñecen que "o panorama que temos actualmente é desolador, a normativa que temos non é creadora de dereitos obxectivos, non marca horarios nin establece procedementos; parte da base de que a situación é excepcional e trátaa dende ese punto de vista". "O problema", segundo as ANPAS, "é que non é excepcional, a enfermidade é unha circunstancia na vida dos afectados, pero na vida social é unha realidade que se repite sistematicamente, e que debe ter establecidas solucións sistemáticas ás que poder acollerse dun xeito automático".

Conclusións

Finalmente, a reunión deixou unha batería de conclusións para poñerse a traballar:
  • Realizarase esta campaña a nivel galego, a través da confederación ANPAS GALEGAS.
  • Traballarase sobre a base da necesidade dun protocolo de atención que ligue dun xeito automático a diagnose médica co inicio das actuacións educativas suficientes, hospitalarias primeiro, e domiciliarias despois sen necesidade de que a familia teña que solicitalo.
  • O primeiro chanzo debe ser a existencia de unidades hospitalarias ben dimensionadas e organizadas con medios e persoal permanentes, sen esquecer a necesaria ligazón cos centros de procedencia do alumnado.
  • A atención, nos hospitais e na casa, debe impartirse polo profesorado do Ensino Público Galego.
  • Este proceso está enmarcado dentro da necesaria presenza do Ensino Público en todas as etapas e circunstancias da nosa infancia e xuventude, tamén na enfermidade, para que o coidado da saúde sexa parte da vida educativa, e a educación sexa unha parte activa na vida sanitaria.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios