A RAG, e as Tanxugueiras, convirten a Malpica no epicentro das Legas Galegas

Malpica será este ano o epicentro das Letras Galegas. Xa avanzamos o histórico programa cultural, que terá como momento cumio a sesión plenaria e pública da Real Academia Galega o sábado propio 17 de maio no Centro Cívico malpicán.
A entidade escolleu a vila bergantiñá como berce dunhas das mulleres que personalizan a homenaxe ás mulleres que fixeron posible a transmisión oral, esas cantereiras e pandereteiras que sobreviviron ao acordeón e que souberon traer ata os nosos días a tradición máis pura. As Pandereteiras de Mens, xunto con Adolfina e Rosa Casás (A Vila da Igrexa, Cerceda) e Eva Castiñeira (Agranzón, Muxía) representan á perfección esas mulleres que fixeron da pandeireta, da gorxa, do talento e da retranca un arma de transmisión oral infalibre.
A sesión arrincará ás 12:30 horas, trala benvida do muradán Hernique Monteagudo (presidente da RAG) coas alocucións académicas de Ana Boullón, impulsora da candidatura; Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro Popular Galego xunto a Dorothé Schubarth; e o expresidente da RAG Xesús Alonso Montero.
A parte musical contará coas Tanxugueiras, exemplo senlleiro dos novos vieiros da tradición reinterpretada dende a modernidade, celebrando que novas voces como as de Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro, lle abren á tradición e á lingua con novos e exitosos vieiros creativos.
A sesión extraordinaria da RAG é de entrada libre ata completar a capacidade do auditorio e poderá seguirse en directo dende academia.gal.
As Letras na Rede
Pero alén das actividades presenciais, a Academia celebra as Letras con intensidade na Rede, con contidos para todas as idades. Mentres Primavera das Letras se centra no público máis novo, a sección das Letras Galegas 2025 de academia.gal ofrece diversos contidos, entre eles a serie documental web Se canto é porque quero, que pode verse ademais dende este luns en Agalega.gal e que será emitida na G2 o 15 de maio ás 22:30 horas. Tamén en clave audiovisual, A RAG estreará este mes varios episodios da serie O Seminario de Onomástica responde, dedicados a topónimos relacionados coas protagonistas deste 17 de maio: A Vila da Igrexa, Cerceda, Mens, Malpica de Bergantiños e Muxía.
Tres epicentros do canto e do baile
De acordo cos seus estatutos, a Real Academia Galega personificou a celebración do vindeiro 17 de maio nas catro Pandeireteiras de Mens que faleceron hai máis de dez anos: Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda. Xunto a Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela, constituíron o primeiro grupo de cantareiras tradicionais que espallaron polo mundo adiante a poesía popular oral, tras se integraren nos anos 70 do século pasado na Agrupación Folklórica Aturuxo da Coruña. Todas elas son naturais dunha parroquia, e dunha comarca, extraordinariamente rica no tocante á tradición oral e escenario de múltiples recollas en distintos momentos históricos.
O Boletín da Real Academia Galega recolleu dende os primeiros anos de vida da institución algúns destes traballos, entre os que destaca o Cancioneiro de Buño, composto por 84 coplas publicadas en varios números saídos do prelo entre 1911 e 1913. Todas elas foron escoitadas a Dolores Cancela Pérez, labrega de 17 anos natural de Buño, cuxa contribución facilitou que este herdo siga a ser interpretado por cantareiras e bailado en foliadas.
A comezos dos anos 80, Dorothé Schubarth recollería pola súa banda numerosas composicións a varias das Vellas de Mens, aínda que son Rosa e Adolfina Casás Rama as informantes que máis coplas achegaron ao seu Cancioneiro Popular Galego. A musicóloga tamén visitou Muxía, outra terra especialmente fértil no que atinxe á cultura que une música e poesía popular oral, pero naquela altura había xa tempo que Eva Castiñeira vivía na Coruña. A súa voz, xunto á de Florencio da Fontaneira, o Cego dos Vilares, sería rexistrada para sempre no disco Recolleita Vol I (1981), ao coidado de Pablo Quintana e publicado polo selo Ruada. A “descuberta” de Eva foi froito dunha afortunada casualidade, ao ela traballar como asistenta doméstica na casa de Martín Fernández Maceiras, un dos cofundadores da discográfica. Canda a súa irmá Engracia, Eva Castiñeira protagonizou outro fito do cancioneiro popular cando, no verán de 1981, as dúas compartiron escenario co lendario Milladoiro no pavillón de deportes de Riazor. Por primeira vez na historia, unhas pandeireteiras participaban nun concerto dun grupo folk.