Malpica anima ás mulleres a participar no programa de cribado de mama do Sergas

O Concello de Malpica informa do inicio dunha nova campaña do Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama, organizada polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). As mulleres da localidade recibirán nos próximos días unha carta ou SMS coa súa cita para a realización dunha mamografía.
Para facilitar a asistencia, o Sergas habilitará un servizo gratuíto de transporte dispoñible entre o 9 de setembro e o 3 de outubro. O autobús sairá dende diante do Bar Panchito ás 08:00 horas (primeira saída) e ás 11:30 horas (segunda saída). As citas desenvolveranse en dúas quendas: de 09:00 a 10:00 horas e de 12:45 a 13:30 horas.
O Concello lembra que este programa está dirixido unicamente a mulleres sen síntomas. No caso de detectar cambios nos peitos ou nas axilas, como bultos, dor, inchazón, alteracións na pel, retracción da mamila ou secrecións, recoméndase consultar co médico ou médica de referencia.
As mulleres que xa foran diagnosticadas cun cancro de mama non deben acudir á cita. Neste suposto deberán contactar co Programa a través do correo electrónico pgdpcm.dxsp@sergas.es mailto:pgdpcm.dxsp@sergas.es ou no teléfono 981 141414.
O día da cita será obrigatorio presentar o DNI ou documento identificativo con fotografía. Ademais, recoméndase vestir roupa cómoda e non aplicar talco nin crema nas mamas. Se non é posible acudir na data ou hora asignada, a cita poderá modificarse a través da aplicación Sergas Móbil ou chamando ao Programa.
En canto á comunicación dos resultados, se a proba é normal, a participante recibirá un SMS. A información tamén poderá consultarse no centro de saúde aproximadamente un mes despois. No caso de que sexa necesario realizar estudos complementarios, o Sergas remitirá unha carta indicando o hospital de referencia.
O Concello de Malpica destaca a importancia de acudir a esta convocatoria e subliña que a detección precoz continúa a ser a ferramenta máis eficaz para mellorar o prognóstico do cancro de mama.