Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Malpica abre un dos 4 depósitos tras case dúas semanas sen auga

reparto da auga en Malpica
Imaxe dunha saída de reparto
Malpica abre un dos 4 depósitos tras case dúas semanas sen auga

Nun complicado momento de prealerta por seca, coa poboación triplicada por verán, o Concello de Malpica leva xa case que dúas semanas (fainas mañá sábado), sen auga apta para consumo humano. A presenza de trihalometanos nas analíticas de Augas de Galicia obrigaron ao Concello a prohibir o consumo da auga para beber e cociñar nas casas e establecimentos hostaleiros, comezando a repartir auga embotellada polas parroquias. Uns 60.000 litros levan repartidos os membros de Protección Civil nestes 12 días de reparto.

Menos mal que a veciñanza está acodindo ás fontes de augas que non pasan polo sistema de abastecemento (como a fonte Vella, a fonte do Camiño do río ou a de Navenllos, indo para ermida de Santa Adrián), para encher garrafas para o consumo diario.
Máis problemas está tendo a hostalería, a pesar do reparto municipal “a domicilio”, pois algunhas non poden nin utilizar as máquinas de café.

Primeira apertura

Anuncia este tarde de xoves o Concello nun bando municipal a reapertura do primeiro dos 4 depósitos afectados por trihalometanos. Dende xa a auga que vén da traída do depósito de Pedra Queimada é apta para consumo humano, despois de ter tres analíticas positivas. 

Unha apertura que permitirá volver á normalidade ao 60% da poboación malpicá, ás casas de Malpica núcleo, Beo, Camuza, Cancela de Areas, Pedreiriña, Pontella, Seaia, Sorrío, Vigo, As Vistas, Os Medros e Camarada.

"O Concello segue traballando para mellorar os valores dos outros tres depósitos", asegura o alcalde Eduardo Parga, en relación aos de Monte Neme (onde xa abriron as chimeneas de aireación), en Nariga ou Pateiras, que seguramente recuperará os valores normais pronto. O purgado das redes é necesario

Ademais, asegura Parga, que están traballando tamén na ETAP,  "probando con outra cloración", e mesmo pensando en "outras obras a longo prazo como facer outro decantador".

As posibles causas

Fontes cercanas ao caso, apuntan que as causas da presenza dos trihalometanos danse polo baixo caudal dun río, o Vaa, que arrastra moita materia orgánica. Unha materia orgánica que ao xuntarse co cloro xenera estes compostos químicos contaminantes e considerados canceríxenos. "Se non metes cloro non é apta para consumo, e se metes xenéranse os trihalometanos, é como a pescada que se morde a cola", recoñece o alcalde. Unha realidade que só se solventa co purgado de tanques e redes de abastecemento, algo que xa se está facendo.

As posibles solucións

Ademais do purgado das redes de abastecemento e dos depósitos, e a aireación,, xentes como o Concelleiro Miguel Varela ou o secretario da Asociación de Empresarios Fernando Couto, piden que o Concello traballe a longo prazo, e miren, tendo en conta os tempos de seca que no veñen enriba, por mellorar a rede, buscar outra fonte de captación para non depender dunha soa, e buscar a construción de novos depósitos.

A visión da oposición

Trala reunión celebrada esta mañá (a terceira convocada coa oposición), Miguel Varela (BNG) asegura que “por agora toca buscar solucións, xa teremos tempo de analizar os informes e buscar causas e culpables”. Varela trasladou ao alcalde Eduardo Parga (que é o que está xestionando o problema), algunhas queixas da veciñanza pola xestión no reparto da auga. ”Creo que hai fallos importantes, como a creación dun só punto de recollida en parroquias moi grandes, o que obriga a moitas persoas a percorrer varios quilómetros para recoller as botellas”.
Neste punto, Parga recoñece que "todo é susceptible de mellorar. Xa sacamos unha gran cantidade, e agora que o 60% da poboación xa volve estar cuberta, Intentaremos ser máis eficientes". Parga recordou que en moitas parroquias a auga de consumo xa é da súa propia traída e non é a municipal.

Varela apuntou tamén a posibilidade de abrir un teléfono de emerxencia municipal para casos coma este, proposta que caeu ben no goberno municipal.
En calquera caso, Varela incide tamén na procura de solucións a longo prazo, “para que non se agrave o asunto, buscando outros sistemas de depuración ou novos puntos de captación”.

Pola súa parte, o voceiro do PSOE, Walter Pardo, criticaba que se convocase a reunión coa oposición nun horario incompatible co seu traballo (asegura que xa llo trasladara ao alcalde), e critica a “desinformacion e falta de organización” da xestión da situación. “Desinformación porque a xente non sabe e non ofrecen datos das analíticas realizadas; e desorganización porque non se sabe cando se vai repartir a auga nin xa que houbo días nos que non repartiron e a xente esperando nos puntos de reparto polas botellas”. “O que está claro é que nun problema sanitario/ambiental que estamos a sufrir hai que ser claros e transparentes”, sentenza Pardo.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios