Malpica dedica o POS + Adicional a reforzar os servizos sociais
09:53 15/01/26
O Concello de Malpica aprobou no pleno extraordinario celebrado onte a súa participación e adhesión ao POS + Adicional 1/2026, unha liña de financiamento destinada a facer fronte aos gastos sociais extraordinarios do exercicio 2026.
A proposta saíu adiante con 5 votos a favor do Partido Popular e 6 abstencións correspondentes a 2 do BNG, 1 de AIM e 3 do PSOE.
Grazas a esta adhesión, o municipio contará cunha achega total de 64.535,60 euros, que se destinarán a reforzar e ampliar distintos programas de carácter social, co obxectivo de mellorar a atención ás persoas e familias en situación de maior vulnerabilidade.
O reparto da contía realizarase do seguinte xeito:
- 23.000 euros para a ampliación das axudas de emerxencia e atención ás necesidades sociais das unidades de convivencia en risco de exclusión social.
- 8.987,63 euros para a creación ou ampliación do Servizo de Axuda no Fogar en servizos específicos, como comida sobre rodas, Xantar na Casa e/ou lavandería.
- 16.000 euros destinados á creación ou ampliación de servizos complementarios, mantendo un ano máis a aposta polo servizo de fisioterapia a domicilio.
- 9.250 euros para programas de respiro e conciliación familiar.
- 7.300 euros para outras medidas extraordinarias que os servizos sociais consideren urxentes e imprescindibles para atender a persoas especialmente vulnerables.