Malpica fomenta a saúde e a prevención con charlas no Fogar dos Pensionistas e nos CEIP locais
O Fogar dos Pensionistas de Malpica acolleu o pasado xoves pola tarde unha charla informativa baixo o título "Prevención de Úlceras por Presión: Coidando a Pel", impartida por Érika Fondo, directora do Centro Multidisciplinar de Úlceras Crónicas.
A iniciativa, organizada polo Concello de Malpica en colaboración co CMUC e o propio Fogar dos Pensionistas, tivo como obxectivo achegar ferramentas e coñecementos para mellorar o coidado das persoas maiores ou en situación de dependencia.
A charla contou coa presenza da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Blanco Gorín, quen destacou a importancia destas iniciativas: "Estas charlas organizadas desde o concello son educativas e moi importantes para saber coidar a pel dos nosos maiores e a nosa, previr úlceras por presión e, no caso de producirse, saber recoñecelas e tratalas correctamente, sempre baixo a supervisión dun profesional, coa avaliación e asesoramento da nosa enfermeira ou médico de atención primaria."
A sesión concluíu cunha rolda de preguntas, onde os asistentes puideron resolver as súas dúbidas e intercambiar experiencias.
Charlas educativas nos CEIP Milladoiro e Joaquín Rodríguez Otero
Ademais, o venres 22 de novembro pola mañá, os CEIP Milladoiro e Joaquín Rodríguez Otero acolleron charlas educativas dirixidas ao alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria, impartidas por Érika Fondo e Elia Novo Fernández, podóloga referente do CMUC. Estas sesións centradas no coidado dos pés en persoas con diabetes reuniron a un total de 80 alumnos/as e foron presentadas dun xeito dinámico e adaptado ás crianzas.
As profesionais explicaron, a modo de xogo, conceptos básicos como que é a diabetes, como detectar unha hipoglucemia ou unha hiperglucemia, e a importancia do coidado dos pés na prevención de complicacións.
As charlas, ofrecidas de forma gratuíta e altruísta, destacaron polo esforzo das profesionais, que compartiron os seus coñecementos dun xeito didáctico e próximo, xerando un gran interese entre as crianzas.
Próxima charla no Fogar dos Pensionistas
Ademais, o Fogar dos Pensionistas acollerá o próximo 27 de novembro, ás 18:00 horas, unha nova charla titulada "Coidado dos Pés en Persoas con Diabetes". Esta sesión será impartida por Andrea Dourado, vicepresidenta de Diabetes Coruña, e Elia Novo Fernández, podóloga do CMUC.
A actividade será gratuíta e pode reservarse chamando ao 981 720280 ou no propio Fogar dos Pensionistas. Organizan o Concello de Malpica e Diabetes Coruña, en colaboración co Fogar dos Pensionistas e o CMUC.