Malpica instala un pioneiro “Praia Pallet” para a recollida de lixo mariño
Na liña do insecto come-lixo de Mar de Fábula, Concello de Malpica, a través da súa Concellería de Medio Ambiente, pon en marcha o proxecto “Praia Pallet”, unha iniciativa que busca fomentar a implicación cidadá na conservación do litoral e na loita contra a contaminación mariña.
Esta actuación realízase en colaboración con Surf and Clean, Aprende Através do Surf e One Surf Academy, e inspírase na idea orixinal promovida pola organización Clean Ocean Project.
O proxecto “Praia Pallet” busca implicar á comunidade local e aos visitantes nun obxectivo común: protexer e conservar a riqueza natural das praias de Malpica, demostrando que pequenas accións colectivas poden ter un gran impacto ambiental.
Un proxecto para un mar máis limpo
O programa consiste na instalación de caixóns de madeira nas praias do municipio, deseñados para depositar os plásticos e outros residuos que o mar arrastra ata a area. O obxectivo é facilitar que tanto a veciñanza como as persoas visitantes poidan recoller e retirar ese lixo mariño durante os seus paseos pola praia, contribuíndo así á protección dos ecosistemas costeiros. Desde a Concellería de Medio Ambiente lémbrase que estes caixóns están destinados exclusivamente ao lixo que chega co mar, e non ao xerado pola actividade habitual nas praias.