O insecto come-lixo e a nasa/colector aumentan o civismo en Camelle

Hai un mes que a familia de Mar de Fábula instalaba un insecto come-lixo e unha nasa/colector tanto no paseo marítimo de Camelle como diante do Museo-Xardín de Man. Unha clara invitación ao civismo a todas as persoas que pasean por alí, para que boten as latas e as cabichas, e calquera outro lixo, neses singulares contedores. E a resposta foi positiva segungo recoñece Xosé Manuel Barros.
"A primeira conclusión é que á xente gustoulle a idea, colaborou coa iniciativa e respectouse a instalación", sinala. "Por outro lado, é impresionante a cantidade de plástico que consumimos", reflexiona tamén. .
O badullo do insecto xigante tivo que ser baleirado ata 4n 4 ocasións. En total, a "criatura caótica" (lembramos con agarimo esas formas que crea a entidade coas crebas que recolle dos areais) tragou 240 litros de lixo plástico e latas... O 95% veu sendo lixo plástico, bolsas da compra e de golosinas, envoltorios das merendas, papel albal, moitos bricks de bebidas e zumes, iogures, moitas botellas de plástico de Trinaranjus, Fanta e menos Coca-colas, algún envase de crema solar e poucos envases de vidro.
5% restante lixo habitual da praia (cordeis, anacos de tanza, paos das festas..)...
Pola súa parte, o equipo de Mar de Fábula tivo que baleirar 3 veces no mes de agosto nasa xigante, e o cinceiro engadido, do Xardín de Man. En total teñen sido 60 litros de latas e botellas de plástico nun 90 % máis algún envase e bolsas. O cinceiro, as dúas veces, casi cheo.

Sobre o lixo recollido no areal polo insecto, Barros considera as cifras "desacougantes". "Se partimos dun suposto, optimista, de que os bañistas regresan ás súas casas co 90% do lixo plástico xerado e só queda na praia, perdido ou descontrolado contaminando o mar o 10% restante, o resultado nas praias galegas pode ser de todo alarmante a nivel de cifras absolutas posto que no litoral de Galicia temos máis de 900 praias. E non digamos se calculamos a nivel de todas as praias da Península Ibérica, do Mediterráneo, de Europa e do mundo enteiro. Estamos enchendo de plásticos os mares e océanos do planeta sen solucións no horizonte porque a reunión en Ginebra, a comezos de agosto, de 180 países baixo o patrocinio da ONU para limitar a fabricación de plásticos, fracasou", debulla.
A entidade considera "moi importante e positiva" a acción no Xardín. "Por primeira vez en moitos anos o chan diante do museo estivo razoablemente limpo, libre de cabichas excepto unha ou dúas dalgún descontrolado faltón. Todas as demáis foron depositadas no cinceiro. Durante este tempo non apareceron latas nin botellas dentro do recinto e ísto a pesar do río de visitantes que todos os días do mes de agosto achegaronse a contemplar as ruínas icónicas deste lugar máxico que os responsables directos non souberon manter".<br/>"Que alivio ver que a xente vai facendo caso das recomendacións para manter un mínimo de limpeza e respecto neste lugar cargado de espiritualidade, que vai esmorecendo día a día, vítima do desleixo e abandono de determinadas institucións e interesados enfoques artísticos", conclúe, apuntando que a nasa ficará duante do Xardín, segundo corcordou co Concello de Camariñas, ao longo do ano.
