Malpica pon en marcha unha nova campaña de trampeo de avespa velutina
Os apicultores e os veciños que queiran colaborar poden solicitar trampas e líquido atraínte nas oficinas municipais
O Concello de Malpica anticipa a campaña de trampeo da avespa velutina debido a que tamén se adiantou a aparición das primeiras raíñas da temporada. En colaboración coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil veñen de poñer en marcha unha campaña aberta á participación e colaboración tanto de apicultores/as como de veciños e veciñas que queiran axudar a combater a praga, ao tempo que inician a colocación de trampas en zonas axardinadas, nas que abundan as árbores que exercen maior atracción sobre as avespas asiáticas, como camelias ou rododendros, pero tamén nas proximidades de edificios e espazos públicos como centros escolares ou parques infantís.